Rexeitan rebaixar unha condena por violación continuada porque coa Lei de 'só si é si' a pena "sería maior"

Audiencia Provincial de Pontevedra. (Foto: Google)
O home fora condenado por un delito continuado de agresión sexual con agravante de parentesto.

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra rexeitou a solicitude de revisión da condena de 11 anos de cárcere a un condenado por un delito continuado de violación á súa ex parella, dado que coa aplicación da Lei do 'só si é si' a pena sería mesmo maior. A pesar da petición do reo ante a entrada en vigor da nova lexislación, o tribunal explica que no seu día foi sentenciado como autor dun delito continuado de agresión sexual na modalidade de violación, con agravante de parentesto.

Na resolución subliña que, conforme á nova norma, a circunstancia mixta de parentesco en función da agravante xenérica que se lle apreciou ao penado "pasaría a integrar un subtipo agravado que leva aparellada unha pena superior", de sete a 15 anos de prisión.

Esa pena, segundo indica a Audiencia, é "máis grave", pois o seu límite superior "excede, con fartura, dos 12 anos de prisión" que como máximo se lle podería impor "coa lexislación vixente ao tempo dos feitos". Na sentenza, o tribunal considerou probado que o condenado agrediu sexualmente a súa ex parella entre mediados de agosto e finais de setembro de 2015.

Os feitos sucederon após a ruptura entre o acusado e a vítima, que mantivo unha relación durante cinco anos. "Houbo repetidas agresións sexuais unha vez rematada a relación sentimental realizadas nun breve espazo temporal. O procesado obrigouna a manter relacións sexuais unhas oito veces, alén da ocorrida na furgoneta o día da denuncia", indican os maxistrados, asegurando que non queda dúbida de que o procesado actuou con "violencia e intimidación".

Máis de 50 rebaixas de condenas

Desde a entrada en vigor da Lei Orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, as audiencias provinciais galegas e o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza revisaron e emitiron cando menos 107 decisións —tanto revisións de penas xa impostas como recursos— referidas a condenas.

Do total, no mínimo 52 supuxeron unha rebaixa da pena dos delincuentes, mentres que no resto de ocasións non se modificou a condena porque a Lei do 'só si é si' suporía que o xuízo se saldaría cunha pena igual ou maior que a que se impuxera no seu momento.