Rexeitamento social da violencia machista nas rúas de Galiza

[Imaxes de Compostela (capa) e Vigo (interior)]

Após o asasinato de Sara Fernández na terza feira, o movemento feminista galego tomou as rúas de 5 cidades para amosar a súa repulsa a este novo asasinato.

 

Foi unha concentración de denuncia, de rexeitamento, mais tamén de alerta. Un chamamento de atención á cidadanía, ás institucións públicas, os gobernos e os colectivos e organizacións políticas e sociais para poren o foco sobre a violencia exercida contra as mulleres. 

Vigo, Ferrolterra, Coruña, Compostela e Ourense acolleron senllas concentracións a partir das 20h desta quinta feira como parte do protocolo de acción que durante moito tempo vén despregando o movemento feminista galego perante os feminicidios. Tomar as rúas para condenar máis un asasinato, o de Sara Fernández en Pazos de Borbén, mais tamén o de Verónica Frías en Málaga. 

Os dous últimos nomes que se suman á longa listaxe de mulleres asasinadas nestes 7 meses de 2014. Só en Galiza, seis. "Non estamos todas, faltan as mortas", corearon as manifestantes en rúas e prazas. Unha consigna que se repite en cada concentración. 

Con cartaces e faixas que lembraron o poder social contra a violencia, o machismo e a desigualdade, distintas organizacións feministas lanzaron un berro unánime para actuar e tomar as medidas necesarias que impidan continuar a sumar máis mulleres asasinadas.