Dúas mulleres asasinadas pola violencia machista en 48h

Verónica Frías (24 anos) e Sara Fernández (81 anos) foron asasinadas entre a segunda e terza feiras. O movemento feminista convoca concentracións na quinta feira.

 

O de Sara Fernández constitúe o sexto asasinato pola violencia machista en Galiza. Verónica Frías, acrecenta máis un ao conxunto do Estado español e van máis de medio cento en sete meses. 

Na segunda feira, Verónica Frías, de 24 anos, foi asasinada polo que fora o seu compañeiro dunha puñalada no abdomen ás portas do domicilio familiar de Frías. En Málaga. 

A muller estaba a tramitar unha denuncia, de oficio, por violencia machista após dúas agresións que tiveran lugar en 2009 --cando se atopaba grávida-- e este mesmo ano.

Convocan concentracións de repulsa a quinta feira ás 20h na Coruña, Vigo e Compostela

Apenas uns días antes de ser asasinada. Verónica Frías xa fora utente dunha casa de acollida para mulleres en situación de violencia se ben trasladárase de maneira voluntaria á morada familiar. 

Pola súa banda, Sara Fernández, de 81 anos, foi asasinada na tarde desta terza feira na localidade de Pazos de Borbén (Pontevedra) polo seu compañeiro quen lle propinou numerosos golpes na cabeza cun martelo até matala. Trátase do sexto caso de violencia machista no noso país. 

O movemento feminista convocou concentracións polos dous asasinatos esta quinta feira (31 de xullo) en Vigo (diante do MARCO), Compostela (Porta do Camiño), Ourense (Subdelegación do Goberno), Ferrolterra (Casa do Concello) e a Coruña (Obelisco) ás 20h.

O Bloque condena o asasinato

A organización frontista emitiu un comunicado público após coñecerse un novo caso de violencia machista. Desde o Bloque condenan o asasinato e lanzan un chamamento á sociedade para amosar o seu rexeitamento e exixir que a loita contra a discriminación e violencia de xénero se sitúe como "asunto prioritario nas axendas políticas". 

Asemade, desde a fronte nacionalista demandan dos "poderes públicos" medios "acaídos" para combater a violencia exercida contra as mulleres, realizando "campañas contra o silencio e a complicidade, promovendo a coeducación para tentar unha sociedade sen violencia e en igualdade entre homes e mulleres".