Rexeitamento dos concellos da comarca de Ordes aos megaproxectos eólicos

Alcaldes da comarca de Ordes posan cunha faixa contra os parques eolicos (Cedida)

Representantes de 7 municipios reuníronse con membros do Colectivo veciñal Salvemos a Comarca de Ordes, que lles pediron maior “presión” política para que a comarca non se vexa atinxida polo Plan Sectorial Eólico.

O colectivo veciñal ‘Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas’ reuniuse con alcaldes de Ordes, Mesía, Frades, Trazo, Tordoia, Cerceda e unha representante do concello de Oroso, para tratar “a preocupación veciñal derivada da inminente saída a exposición pública de varios parques eólicos e novas liñas de alta tensión de atravesarían a comarca e que poñería en perigo os intereses económico-sociais dunha zona rural considerada pola propia Xunta como de especial interese agrario”.

As persoas representantes da plataforma informan nun comunicado que puxeron sobre a mesa argumentos para insistir no rexeitamento a uns muíños (o parque eólico de Inxerio, en Ordes e Cerceda, o parque eólico de Solpor, en Mesía e Ordes, e o parque eólico de Gasalla, en Mesía e Frades) “que serían os máis altos de todo o Estado (máis de 200 metros) e que estarían situados nunha área poboada, próxima ao Camiño de Santiago, e cunha alta densidade de explotacións agrarias e gandeiras”.

Reclamáronlle aos rexedores que insistan ante a Consellería de Industria  para que se “exclúa” a comarca de Ordes das áreas de desenvolvemento eólico establecidas no actual Plan Sectorial Eólico da Galiza; que se posicionen publicamente “na defensa clara do ben común e en contra destas instalacións para a comarca”. Demandáronlles que fagan efectiva en todos os concellos da Mancomunidade a declaración institucional aprobada o ano pasado e pola que se declaraban libres de eólicos.

A Plataforma indica que as persoas representantes de cada concello “amosaron a súa concordancia coas peticións das plataformas veciñais e comprometeron o seu rexeitamento a que se instalen na comarca macro proxectos eólicos e novas liñas de alta tensión que irían contra o interese xeral”.