Representantes da USC e da U-Vigo plantan a Wert no Consello de estudantes e exixen a súa dimisión

Representantes d@s estudantes de 25 universidades do Estado español entregaron un informe contra a Lomce do ministro Wert, á cal cualifican de "mercantilista e clasista". Dous voceiros do alumnado mesmo foron desaloxados pola garda civil do pleno do Consejo universitario do estado (Ceune) após unha dura intervención contra o anteproxecto impulsado polo ministerio español


Representantes do alumnado universitario do Estado español estaban chamad@s esta terza feira a se reuniren co ministro de Educación, José Ignacio Wert, no seo do Ceune --Consejo universitario do estado-- para debateren sobre o novo sistema de acceso á universidade que contempla a nova Lei de mellora de calidade educativa que se coce en Madrid e que vén substituír as probas de selectividade.

O representante da USC deixa a xuntanza após unha dura intervención

"E Wert nin apareceu", quéixase Adrián Dios, membro da Liga estudantil que acudiu á xuntanza en representación da Universidade de Santiago e que foi expulsado da reunión por efectivos da garda civil após "evidenciar que existe un conflito" cunha dura intervención en que deixou claro, canda o voceiro do estudantado da Universidade de Oviedo, que o proxecto da LOMCE era "unha barbaridade".

Na reunión deste organismo consultivo que o goberno español ten para dialogar co alumnado "non hai tal diálogo, non é máis que un lavado de cara do ministerio". No acto estiveron tamén presentes Amelia Fraga, de Iesga e que falou en nome da Universidade da Coruña, cualificando a lei de Wert de "fragmentaria, arbitraria, capciosa, erma, reducionista e invasiva"; e Iago Varela, membro dos Comités e que puxo voz ao estudantado da Universidade de Vigo.

Canda outras 25 universidades do estado, as tres galegas entregaron á primeira hora do serán un documento no rexistro do ministerio un informe en que se refiren ao anteproxecto de Wert como unha reforma "clasista e mercantilista". Procederon deste xeito porque o Ceune non é máis que un organismo consultivo "onde toman nota de todo e non fan nada", apuntou o integrante da Liga estudantil. No documento estabelécese unha comparativa entre o sistema educativo do estado e o finés ou o de Corea do Sur, que obtiveron os mellores resultados no Informe Pisa de 2009, para resumir que a LOMCE "empeora" a calidade do ensino público.

O representante da U-Vigo exixe a demisión de Wert

Pola súa banda, o representante da U-Vigo, Iago Varela, ficou dentro. Na súa intervención describiu a LOMCE como "unha folla de ruta cara á destrución da educación pública como a coñecemos actualmente, a pesar dos seus numerosos defectos". Manifestou Varela a súa preocupación pola maneira en que introducen "os seus pensamentos neoliberais" no texto da lei, deixando a educación pública en mans da empresa privada e mellorando os concertos con centros que segregan por sexos, mellora que o membro dos Comités interpreta como "máis unha cesión perante a Igrexa" que vén sumarse ao incremento do horario lectivo da materia de relixión e á aparición dunha alternativa "sobre valores" que será puntuábel e que substituirá Educación para a cidadanía.

Ao igual que @s voceir@s da USC e da UdC, tamén o representante da U-Vigo remarcou o carácter "mercantilista e elitista" a universidade que vén, e recomendou analizar os efectos do financiamento por resultados na educación vendo a cuarta temporada da serie de culto The Wire, que afonda no sistema educativo estadounidense e amosa como programas de integración de crianzas dos baixos fondos se foron eliminando.

"Non imos aceptar a súa política recentralizadora e, como non está presente, pido que conste en acta que solicito a súa dimisión", concluíu Iago Varela. Efectivamente, Wert non asistíu á xuntanza, que ficou presidida polo secretario xeral de Universidades, Federico Morán.