"Revolta dos chupetes" en Cedeira

"Estamos dispostos a chegar até o final", sinalaron desde a plataforma (Nós Diario)

Máis de mil persoas, convocadas pola plataforma 'En Cedeira, pediatra XA!', manifestáronse este domingo na vila para exixir a volta da atención pediátrica.

"Imos a por todas", sinalou Paulo Vicente, portavoz da plataforma 'En Cedeira pediatra XA!', tras o éxito de convocatoria da mobilización na vila da comarca de Ferrolterra a prol do regreso da atención pediátrica que dea servizo ás arredor de 700 crianzas do municipio.

Máis de mil manifestantes, segundo a plataforma convocante, encheron as rúas de Cedeira cunha marcha que finalizou no centro de saúde na Praza Roxa, lugar onde se deu lectura a un comunicado entre berros das persoas asistentes de "En Cedeira, pediatra xa!".

Cedeira non é a primeira poboación do país que se manifesta pola ausencia de asistencia pediátrica no centro de saúde municipal, senón que se suma ás recentes reivindicacións doutras vilas de Ferrolterra, Ortegal, A Mariña ou da Costa da Morte, coas mobilizacións en Verín polo servizo de asistencia nos partos como referente.

"Benvidas e benvidos á Revolta dos chupetes", comezou o manifesto, para sinalar a seguir que "desde o pasado mes de xaneiro, en Cedeira non temos pediatra". "Pola ausencia deste servizo, para as revisións periódicas dos bebés, vacinas, consultas e urxencias, derívannos a Valdoviño ─o concello veciño, a 15 km─, saturado, e directamente a Ferrol ─a 30 km, máis de media hora en coche─"

A situación, denunciou a plataforma na lectura do comunicado, "ocasiona un evidente prexuízo na conciliación familiar e laboral (desprazamentos, esperas, horas de máis que precisamos pedir nos nosos traballos…)". "Ademais ─sinalaron─, perdeuse a calidade na asistencia que supón que as nosas fillas e fillos coñezan a súa pediatra, e que esta poida realizar un seguimento adecuado dos seus pacientes".

"Unidade do pobo"

Desde a plataforma salientouse tamén a "unidade do pobo de Cedeira", e exixiron "que se garanta o dereito das nosas fillas e fillos a recibir atención pediátrica no centro de saúde".

"Din que non hai pediatras", leuse, en referencia á resposta recorrente por parte da Xunta ás reclamacións cidadás de maior e mellor asistencia médica. "Non imos caer no enredo. Nós non somos xestores. Non temos que facer un máster en xestión sanitaria para saber que temos dereito a un pediatra. Esiximos solucións e a administración terá que buscar a vía para garantirnos ese dereito", sinalouse no comunicado facilitado a este diario.

"Non pode haber cidadáns de primeira e de segunda", apunta o manifesto, que lembra que "en Cedeira tamén pagamos impostos, en Cedeira tamén queremos servizos". "Non imos permitir que xoguen coa saúde das nosas fillas e fillos (...) Non imos consentir máis o abandono e a destrución progresiva do lugar onde vivimos e onde queremos seguir vivindo", sinálase.

"Se non hai solución, se seguen vulnerando o dereito á saúde das nenas e nenos da vila, imos intensificar as nosas accións. Estamos dispostos a chegar até o final. A nosa forza está na nosa unión", remata o manifesto.