Nace en Cedeira unha nova plataforma social en defensa da atención pediátrica

Asemblea constitutiva da plataforma En Cedeira, pediatra xa!
Cedeira acaba de unirse á lista de municipios galegos que lle piden ao Sergas unha pediatra que garanta a calidade asistencial das súas crianzas.

Desde finais de xaneiro, as familias de Cedeira non contan coa atención pediátrica. "Se coincide que necesitamos ir á pediatra nas segundas ou nas quintas feiras, podemos achegarnos a Valdoviño, xa que son os días que consulta alí. Se non, debemos acudir ás urxencias hospitalarias de Ferrol", explica Paulo Vicente, membro da plataforma En Cedeira, pediatra xa!

Co nacemento deste movemento social, a veciñanza formaliza unha solicitude que se fai máis contundente despois de que a pediatra da vila collese unha baixa de longa duración e a Administración recoñecese dificultades para repoñer esta profesional con outra especialista debido "á falta xeneralizada de pediatras".

Máis de 700 crianzas sen pediatra

Cedeira conta cuns 700 rapaces e rapazas menores de 15 anos, aos que hai que sumar as crianzas procedentes de Cariño e Ortigueira que até primeiros de ano tamén visitaban a pediatra de Cedeira. "Tiñamos bebés co calendario de controis e vacinas atrasado. Antonte enviaron unha persoa para poñelos ao día, e repetirá dentro dun mes, mais non se ocupará doutras  cousas", salienta Paulo Vicente.

Desde que non hai pediatra, as médicas de familia de Atención Primaria atenden os nenos e as nenas maiores de tres anos. "Engaden ás súas cotas xa desbordadas as urxencias das crianzas, unha dinámica que acabará por colapsar as consultas", sinala Vicente, quen ademais incide en que moitos facultativas non están ao tanto das doses de moitos tratamentos nin ofrecen unha resposta especializada como merecen as crianzas.

"Como plataforma defendemos unha pediatra para as nosas fillas e fillos", recalca Paulo Vicente, "e exixímoslle á Administración que faga o posíbel para solucionar esta carencia". Con este obxectivo o colectivo recolle sinaturas e convoca unha manifestación este domingo, día 16, diante do centro de saúde.