As reunións de Nadal quedan limitadas a 10 persoas

O ministro Salvador Illa após a reunión desta tarde. (Foto: R. Rubio / Europa Press)

A reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde finalizou con este acordo. O toque de queda para Noiteboa e Noitevella será ás 1.30 horas. Quedará prohibido cambiar de comunidade agás para visitar á familia.

O Executivo do Estado español e os gobernos doutros territorios acordaron esta hoxe pór o límite de asistentes ás ceas e comidas de Nadal nas 10 persoas. Porén, estará limitado o acceso e saída das distintas zonas agás para ver á familia.

Segundo avanzaron fontes do Ministerio de Sanidade, no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde votouse porque poida haber 10 comensais nas mesas destas festas, agás se se trata de persoas que conviven e que non superan os dous grupos de convivencia como máximo, ante o que se abriría esa capacidade.

O toque de queda, outra das cuestións que eran debatidas nos últimos días, fixouse para as 01.30 horas os días 24 e 31 de3 decembro, mais só para volver ao domicilio desde outra casa e “nunca” coa idea de que a xente acuda a outros encontros de carácter social.

“É un acordo moi importante e de amplo consenso, resultado do traballo coordinado entre Sanidade e as comunidades que fará que este Nadal sexa diferente. E é que, non só se trata de celebrar un Nadal diferente, senón de celebrar moitos máis”, afirmou a ministra de Política Territorial, Carolina Darias, que tamén acudiu á reunión de traballo.

Só se permitirá a mobilidade imprescindíbel para saír da Galiza a visitar a outros familiares. Pero a idea e ficar na casa e realizar só aqueles movementos “que sexan imprescindíbeis”. Así o manifestou o ministro de Sanidade, Salvador Illa.

Aquelas persoas que abandonen centros residenciais sociosanitarios todas as festas deberán estar nun só domicilio cunha burbulla de convivencia estábel.

Aliás, comunicouse que as cabalgatas serán estáticas, as badaladas virtuais e que a hostalaría manterá o horario que estea marchado en cada zona.