A nova proposta de Sanidade para o Nadal: xuntanzas de 10 persoas e mobilidade restrinxida

O Consello Interterritorial reúnese esta tarde para analizar unhas directrices conxuntas.

Nova proposta que o Goberno español porá na tarde de hoxe sobre a mesa na xuntanza do Consello Interterritorial para acordar medidas de cara a celebrar o Nadal nun contexto marcado e condicionado pola pandemia da Covid. 

Como avanza a Cadena Ser, a nova proposta (Acordo polo que se prevén medidas de saúde pública fronte a covid-19 para a celebración das festas do Nadal)contempla como novidade máis relevante que as reunións familiares para celebrar as comida e ceas do Nadal queden condicionados a que non se supere o número máximo de dez persoas, agás que se trate de conviventes.

Recoméndase aos estudantes que regresan a casa para as vacacións que limiten as interaccións sociais e extremen as medidas de prevención os 10 días antes

Ademais, e segundo este documento, entre  23 de decembro de 2020 e o 6 de xaneiro de 2021, as comunidades autónomas farán efectiva a limitación da entrada e saída nos seus territorios prevista no artigo 6.1 do Real Decreto 926/2020, do 25 de outubro, agás para aqueles desprazamentos adecuadamente xustificados, así como para os desprazamentos a comunidades ou cidades autónomas que sexan lugar de residencia habitual de familiares ou achegados do desprazado.

Recoméndase aos estudantes que regresan a casa para as vacacións que limiten as interaccións sociais e extremen as medidas de prevención os 10 días antes. Os estudantes deberán aterse ás medidas preventivas aplicábeis en cada comunidade.

Nas noites do 24 ao 25 de decembro e do 31 de decembro ao 1 de xaneiro, as comunidades e cidades autónomas farán efectiva a limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno. O toque de recoller fíxase ás1:30 horas, unicamente para permitir o regreso ao domicilio.

O borrador convida as comunidades a adoptar as medidas de prevención xa coñecidas como as 6M: Máscara (uso de máscara todo o tempo posible), Mans (lavado de mans frecuente), Metros (mantemento da distancia física), Maximizar ventilación e actividades ao aire libre e Minimizar número de contactos (preferibelmente sempre a mesma burbulla).