As reunións familiares, detrás do aumento de casos en Ourense, di Sanidade

Fachada da Casa do Concello de Ourense (Europa Press)

Nas bibliotecas, salas de exposicións, actividades deportivas centros de ensino non regulado ou bares e restaurantes das zonas con restricións non poderá haber reunións de máis de cinco persoas.

A Consellaría de Sanidade endureceu desde este sábado as medidas restritivas en catro rúas de Ourense, con reunións limitadas a cinco persoas, ao detectar un aumento de casos da Covid-19 que relaciona "fundamentalmente" con surtos familiares "debido a reunións".

Segundo recolle o Diario Oficial da Galiza (DOG) nunha orde publicada na noite da sexta feira, 18 de setembro, a Dirección Xeral de Saúde Pública observa que as taxas de contaxio diarias acumuladas a tres e sete días desde o pasado sábado, 12 de agosto, observan "unha tendencia ascendente" que coloca o número reprodutivo por riba de un, é dicir, que cada persoa con coronavirus contaxia máis dunha outra.

En concreto, as medidas de prevención se endurecen nas rúas Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e Avenida de Portugal, desde o cruzamento con rúa Ervedelo ao cruzamento coa rúa Irmáns Xesta, mais mantéñense no resto do termo municipal de Ourense porque, segundo alerta Sanidade, o surto "non ten unha clara tendencia á mellora", senón unha "evolución tórpida [que non mostra tendencia a mellorar nin a empeorar] máis acusada" desde finais de agosto.

No entanto, a orde do DOG recalca que a distribución de casos "non é uniforme" na cidade e que hai unha "agrupación de casos" nas rúas onde desde este sábado hai maiores limitacións. O surto, asevera o texto, "continúa a ter características de alto risco" como a taxa de incidencia nos últimos tres días e a porcentaxe de positivos de todas as PCR realizadas.

Por todo iso, o informe de Saúde Pública recomenda manter restricións en todo o termo municipal ourensán "e ademais tomar medidas específicas respecto das zonas da cidade onde existe unha maior concentración de casos".

Así, nas rúas citadas ─como xa acontecera anteriormente co barrio da Milagrosa, en Lugo, e co municipio de Arteixo─ non poderá haber reunións de máis de cinco persoas, e nin bares nin cafeterías poderán servir no interior dos estabelecementos.

Terrazas a 75%

Nas terrazas, con capacidade limitada da mesma maneira que no resto de áreas con medidas especiais ─a 75%─, non poderá haber grupos de máis de cinco persoas, como tampouco nos restaurantes, aínda que estes si poderán servir dentro do local.

Tampouco poderán superar as cinco persoas en academias, autoescolas e outras institucións de ensino non regulado, así como zonas comúns de hoteis e aloxamentos, actividades culturais en bibliotecas, arquivos museos, salas de exposición e actividades deportivas.

En canto a eventos deportivos con público, cines, teatros, auditorios, circos de toldo e similares, ademais de congresos e conferencias, o aforo deberá ser como máximo de 50%, mais cun límite de 30 persoas para lugares fechados e de 75 ao aire libre.

Iso si, poderán ter até 50 persoas en lugares fechados e até 150 ao aire libre se os organizadores presentan un plan de prevención de contaxios e este é autorizado pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

No caso de actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil, desenvolveranse en grupos de até cinco participantes ─incluíndo os monitores─ que non manterán contacto entre si. No entanto, os espazos cumprirán a restrición xeral de 50% do aforo e o máximo de 50 persoas ao aire libre e de 25 en espazos fechados.

A orde publicada no DOG tamén estabelece que a vixilancia, inspección e control de todas estas medidas, que serán obxecto de seguimento e avaliación continua "nun período non superior a cinco días naturais", corresponden ao Concello de Ourense dentro das súas competencias e sen prexuízo das competencias da Consellaría de Sanidade.