Colectivos ecoloxistas urxen unha reunión con Teresa Ribera ante a "desproporcionada implantación de renovábeis"

Parque eólico na serra do Candán, nas comarcas do Deza e Terra de Montes. (Foto: Arxina)
Adega, Bierzo Aire Limpo, PDCC e SGO demandan un encontro coa ministra na súa próxima visita a Ponferrada diante dunha situación "fóra de control" que "preocupa amplos sectores da sociedade galega, lionesa e berciana".

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Bierzo Aire Limpo, a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC) e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) veñen de remitir un escrito á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, no que lle demandan unha reunión "con carácter urxente" no marco da súa próxima visita a Ponferrada. Alertan, ante o que consideran unha "desproporcionada implantación de proxectos de enerxías renovábeis", dunha situación "grave" e "fóra de control" que, aseguran, "preocupa amplos sectores da sociedade galega, leonesa e berciana".

Estas catro organizacións ecoloxistas integran o Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, alianza que está a librar a batalla legal neste eido. Entre as súas peticións á ministra, urxen "elaborar unha planificación estratéxica e estabelecer zonas de exclusión que impliquen a prohibición legal de implantar proxectos de enerxías renovábeis en espazos de alto valor natural", como acontece, precisan, na cordilleira cantábrica.

Tamén piden "protexer a participación cidadá como principal garante da defensa dos territorios e os intereses das persoas que residen neles", implementar a "exixencia dun estudo que valore a cantidade en Tep (toneladas equivalentes de petróleo) de combustíbeis fósiles necesaria para a posta en marcha de cada un dos proxectos expostos" e, por tanto, "o tempo estimado de funcionamento, necesario para 'amortizar' o consumo fósil empregado".

Estes colectivos entenden que cómpre "xustificar o carácter de interese público de todos e cada un dos parques propostos cuns criterios que teñan en consideración os usos actuais, sen dar por suposto que a xeración de enerxía eléctrica o sexa en todos os casos", ao tempo que instan o Ministerio a "facilitar as listaxes dos proxectos con dereito consolidado de acceso á Rede Eléctrica Española".

As catro entidades ecoloxistas exixen ao Ministerio incrementar o "seguimento e control" de todos os proxectos de renovábeis

Tamén inciden na necesidade de "incrementar as medidas enfocadas ao seguimento e control de todos os proxectos de enerxías renovábeis, evitando a actual laxitude que convida á especulación por parte das promotoras e que, á súa vez, levará unha previsíbel xudicialización dos procedementos", o que "aspira a colapsar nun futuro os tribunais".

Finalmente, ven preciso exixir ás promotoras destes proxectos de aproveitamento enerxético os avais suficientes "que inclúan a necesaria provisión de fondos para retirar e reciclar as instalacións industriais cando finalice a súa vida útil", así como unha fianza "acorde aos riscos que asumirá o medio ambiente da nosa terra, cuxo fráxil equilibrio se atopa comprometido por proxectos eólicos de magnitude inusitada que se pretenden implantar nun espazo de alto valor natural como a cordilleira cantábrica".