Atrásase a chegada dos tres sobreviventes do 'Vila de Pitanxo'

Avión A-400 do Exército do Aire no aeroporto de Saint John de Terranova. (Foto: Paul Daly/Europa Press)

A chegada dos tres sobreviventes e cinco dos nove falecidos tras o naufraxio do 'Vila de Pitanxo' en augas de Terranova durante a pasada terza feira sufriu un retraso indefinido debido aos trámites burocráticos que se deben realizar para levar a cabo a repatriación.

Os familiares dos 12 mariñeiros desaparecidos que se achegaron durante a mañá de hoxe á Subdelegación do Goberno español en Pontevedra, sinalaron que o voo desde Saint John de Terranova aínda non ten unha previsión de saída.

Tamén o confirmaron fontes presenciais no aeroporto no que se atopa o A-400 do Exército do Aire a Europa Press, que aseguraron que non existen novidades sobre cando se producirá a saída do avión.

Estaba previsto que a aeronave chegase ao aeroporto de Santiago de Compostela ás 18 horas, cando os tres sobreviventes serían recibidos polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o delegado do Goberno na Galiza, José Mñóns.

Aeronave do Exército do Aire

A aeronave partiu este domingo ás 10 horas desde a base militar de Zaragoza con destino Canadá. Diso informou o Executivo estatal, que detallou que o A-400 do Exército do Aire será recibido no aeroporto de San Xoán de Terranova polas autoridades consulares españolas e polo embaixador de España en Canadá, Alfredo Martínez Serrano, que xa se atopa na zona para dirixir in situ os labores de repatriación e asistencia aos familiares.

O sábado, após chegar a porto a bordo de senllos barcos, concluíron as identificacións das nove vítimas mortais cuxos corpos foron recuperados ─cinco españois, tres peruanos e un ganés─.

Na véspera chegaran no buque canadense 'Nexus' os dous primeiros corpos de mariñeiros falecidos e o sábado fixérono os corpos das outras sete vítimas, xunto aos tres sobreviventes, a bordo do pesqueiro español 'Praia Menduiña II'.

No avión que hoxe partiu de Zaragoza serán repatriados a España, ademais dos tres mariñeiros sobreviventes, cinco dos corpos recuperados: catro españois e un dos mariñeiros ganeses da tripulación do 'Villa de Pitanxo'.