Opinión

Fomos ficando sós...

Martxelo, Vicent, escríbovos esta semana sobre o traballo no mar, tantas veces infravalorado. E aínda nos queixamos do prezo do peixe! Á vista dos datos que aquí expoño, ben barato sae. Os informes do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral indican que entre 1994 e 2020 perderon a vida en sinistros laborais 384 traballadores e traballadoras do mar. Só entre 2014 e 2020, faleceron 70 e os accidentes relacionados coa pesca chegaron aos 7.091. A media, como informaba Nós Diario esta semana, é de case tres sinistros por día e unha morte cada mes, nun colectivo que non chega a 19.000 persoas.

Por algo, a Organización Internacional do Traballo considera “perigosa” a natureza dos labores no sector do mar. Tendo en conta que tanto a OIT como a UE advirten de que é nas actividades marítimo-pesqueiras onde se producen máis sinistros e, sabendo que o debate sobre a seguridade laboral neste ámbito non é novo, resulta unha urxencia actuar para que o traballo no sector estea correctamente regulado, protexido e remunerado. Como protexidas deben quedar as familias dos tripulantes do pesqueiro Vila de Pitanxo, afundido nas perigosas augas de Terranova. Falamos dunha área que fica fóra da zona económica exclusiva do Canadá, cuxos caladoiros pertencen á Organización de Pesqueiras do Atlántico Noroeste (NAFO) e onde todas as embarcacións de bandeira española presentes son galegas.

O mar de Terranova, unhas augas nas que os galegos levan traballando desde o século XV, volven converterse no cemiterio para os mariñeiros, que co seu labor nos diferentes caladoiros do mundo teñen feito da Galiza a primeira potencia pesqueira de Europa. Un complexo pesqueiro punteiro, cunha flota presente en catro continentes, cun poderoso sector transformador, cunha significativa importancia en termos de xeración de riqueza e de emprego, mais erguido, tamén, con moitas mortes que teñen marcado desde hai séculos a Galiza.

E si, Martxelo e Vicent, como escribía o noso gran poeta Manuel Antonio, home de mar, nacionalista e libertario nas dúas primeiras décadas do século XX, “fomos ficando sós, o mar, o barco e mais nós”.

Comentarios