Como se navegaba no século XVII? Así avanza o 'Reto Astrolabio', unha viaxe única na historia da navegación moderna

Javier Babé capitanea a expedición da 'Peregrina'. (Foto; Reto Astrolabio)
A tripulación do veleiro 'A Peregrina', capitaneada por Javier Babé, navega valéndose só de instrumentos renacentistas neste particular reto de navegación que se plasmará nun documental no que participa a TVG.

A Peregrina partiu hai case dúas semanas do porto canario de La Gomera —tras saír da Illa de Arousa a finais de febreiro—, para protagonizar a súa tripulación de mariñeiros galegos unha viaxe única nun veleiro equipado unicamente con instrumentos renacentistas. Así funciona o 'Reto Astrolabio', unha aventura que consiste en atravesar 3.000 millas de océano e recalar nun punto previamente fixado, utilizando só os medios e instrumentos do século XVII.

O seu percorrido polo Atlántico pode seguirse desde terra a través desta páxina web actualizada permanentemente cun 'tracking' vía satélite, permitindo analizar toda a travesía e comentar os erros ou acertos do capitán. Desde a embarcación, porén, en ningún momento terán acceso a esa información, xa que os modernos sistemas de navegación estarán todos confinados nun cofre, precintado ante notario no porto de La Gomera. Só se abrirá en caso de emerxencia.

O narrador en terra desta aventura, Alfredo Conde, fai balance este sábado do vivido até o momento. A través da web poden seguirse dúas liñas, a posición real do veleiro —a determinada polo GPS que vai a bordo— e a estimada polo astrolabio, e, dado que nestes intres ambas as dúas están moi próximas, pode apreciarse a "pericia e olfacto" do capitán, Javier Babé, así como do astrolabio, para acertar no rumbo cara a 'La Deseada'.

O capitán do veleiro, Javier Babé. (Foto: Reto Astrolabio)

"Paso a paso, parece que o noso capitán e a súa tripulación foron quen de guiar á Peregrina, buscando correntes e ventos a favor, que a están a impulsar cara ao seu obxectivo”, sinala Conde. "Non podo vaticinar que é o que será a partir de aquí, porque ‘o mar, ai, o mar…’, pero o que si estou seguro é de que Javier Babé ten un plan de navegación elaborado de antemán, un caderno de ‘deberes ben feitos’, que está poñendo en práctica e que lle está valendo para ir en moi bo camiño", engade.

Son tres semanas de illamento total do mundo exterior. Un verdadeio reto que implica emoción, risco e aventura case a partes iguais. Oito tripulantes navegan neste veleiro froito dunha peculiar iniciativa ideada por Javier Babé, que xa capitaneara no pasado a primeira expedición española á Antártida e que conta no seu curriculum con máis de 40 travesías oceánicas. A tripulación complétana experimentados navegantes e mais o equipo de realización da miniserie documental O Reto Astrolabio, do que participa a TVG.

O obxectivo desta peza audiovisual é "ofrecer á audiencia unha experiencia única de viaxe no tempo, mostrando como era a navegación até o século XVIII e destacando a importancia da experiencia e habilidades daqueles navegantes en contraposición coas tecnoloxías modernas". A embarcación conta cun espazo a modo de ‘confesionario’ polo que irán pasando os distintos integrantes da tripulación, dando a coñecer á cámara as súas "impresións, medos, sensacións e sentimentos máis íntimos".

A tripulación da 'Peregrina'. (Foto: Reto Astrolabio)