Mar

Oito tripulantes, 3.000 millas náuticas por percorrer e os instrumentos de navegación do século XVII: así é o Reto Astrolabio

A embarcación parte este sábado da Illa de Arousa. (Foto: Reto Astrolabio)
A tripulación do veleiro 'A Peregrina', capitaneada por Javier Babé, parte este sábado da Illa de Arousa rumbo á Gomera neste particular reto de navegación que se plasmará nun documental no que participa a TVG.

Un grupo de mariños galegos emprende este sábado, rumbo á illa canaria da Gomera, unha viaxe única nun veleiro equipado unicamente con instrumentos renacentistas. Trátase do 'Reto Astrolabio', unha aventura que consiste en atravesar 3.000 millas de océano e recalar nun punto previamente fixado, utilizando só os medios e instrumentos do século XVII. O veleiro parte este sábado, ás 11.30 horas, do Varadoiro do Xufre da Illa de Arousa.

O seu percorrido polo Atlántico poderá seguirse desde terra a través dunha páxina web actualizada permanentemente cun 'tracking' vía satélite, e será posíbel así analizar toda a travesía e comentar os erros ou acertos do capitán, pero desde a embarcación, A Peregrina, en ningún momento terán acceso a esa información, xa que os modernos sistemas de navegación estarán todos confinados nun cofre, precintado ante notario no porto da Gomera.

O cofre só será aberto en caso de emerxencia, o que suporía o fracaso do reto. Navegarán nada menos que 3.000 millas só co astrolabio, navegación por estima "e, por suposto, a pericia do patrón", salientan desde a organización. Tres semanas de illamento total do mundo exterior.

"Adormentaría a tecnoloxía actual ese olfacto ou instinto mariñeiro que precisaban os antigos navegantes? Poderá A Peregrina atravesar 3.000 millas de océano e recalar nun punto previamente fixado, utilizando só os medios e instrumentos do século XVII? Como se manterá a moral e o ánimo dos tripulantes? Como se vivirá a incerteza do lugar de recalada?", pregúntanse os promotores do Reto Astrolabio.

Documental

Será un reto que implicará "emoción, risco e aventura", subliñan. Oito tripulantes navegarán na Peregrina, con Javier Babé como capitán e ideólogo desta peculiar aventura. Babé xa capitaneou a primeira expedición española á Antártida a vela e conta no seu curriculum con máis de 40 travesías oceánicas. A tripulación complétana experimentados navegantes e o equipo de realización do documental O reto Astrolabio, no que se plasmará toda a aventura e do que participa a TVG.

O Premio Nacional de Literatura e Premio Nadal Alfredo Conde, mariño mercante, será o narrador en terra, mentres que o capitán Javier Babé, mariño mercante e creador da idea, será o narrador a bordo. A través do seu diario, deixará constancia sobre as certezas ou dúbidas respecto á navegación, así como reflexións sobre a vida a bordo.