Retiran o recurso para o cambio de nome da avenida Juan Carlos I, en Pontevedra

A nova placa, adicada a Virxinia Pereiro, nun acto decorrido no mes de abril. (Foto: Concello de Pontevedra)
A rúa pasará a chamarse avenida de Virxinia Pereira, na honra da galeguista, de forma definitiva. A mudanza tivo lugar o pasado abril pero un veciño presentara un recurso en contra.

O nome da avenida de Virxinia Pereira, que desde o pasado 23 de abril substituíu a dedicatoria no rueiro pontevedrés ao rei emérito Juan Carlos I, será o definitivo após transcender que o veciño que tiña recorrido a decisión municipal renunciou a seguir nos trámites xudiciais. 

O Goberno local decidira a mudanza polo dereito da galeguista a recibir unha homenaxe pero tamén tras darse a coñecer os diferentes escándalos ligados ao pai do actual monarca. Un residente na estrada intentou oporse ao cambio considerando que non existía "fundamentación legal nin moral" pero finalmente renunciou.

"Temos a honra de ser das primeiras cidades que quitou do seu rueiro ao Borbón para poñer a unha muller emblemática como Virxinia Pereira", afirmou a nesta segunda feira a voceira do Goberno local, Anabel Gulías.

A desistencia das devanditas accións xudiciais, contra as que non cabe recurso, ratificarase no próximo pleno da corporación, xa que o cambio de nomenclatura fora un acordo plenario adoptado cos votos a favor do goberno municipal formado polo BNG e o PSOE e o rexeitamento do PP e dun concelleiro non adscrito.

"A pesar de que os malos presaxios dicían que iamos ter que botar atrás unha decisión deste calibre", precisou Gulías tras a xunta de goberno, "vai ser que non".

Na realidade, xa se fixera un acto simbólico do cambio do soporte co nome do espazo no que estiveran presentes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os edís de Cultura, Protección Cidadá e Obras, Carme Fouces, Eva Vilaverde e Demetrio Gómez, respectivamente.

O rexedor municipal destacou naquel momento a figura de Virxinia Pereira como "defensora do legado de Castelao" fronte ao rei emérito, do que sinalara que "non é merecedor" do recoñecemento que supón formar parte do rueiro urbano.