venres 07/05/21

Pontevedra convértese nunha das primeiras cidades en retirar recoñecementos ao rei emérito

O Concello completou hoxe a iniciativa para retirar a rúa dedicada a Xoán Carlos I. Un operario descolgou a placa co nome do monarca e deu por rebautizada a avenida como rúa Virxinia Pereira Renda. No acto de homenaxe á galeguista estivo unha representación do Goberno municipal, así como algunhas cidadás.

Substitución da placa dedicada ao rei emérito pola de Virxinia Pereira. (Foto: Concello de Pontevedra)
Substitución da placa dedicada ao rei emérito pola de Virxinia Pereira. (Foto: Concello de Pontevedra)

O municipio de Pontevedra xa pode presumir de ser un dos primeiros que lle van retirando honores ao rei emérito, cuxa figura aínda está envolta nos escándalos. O paso dado polo Concello foi un cambio no rueiro, no que xa non aparecerá máis o nome de Xoán Carlos I.

A avenida que estaba dedicada ao monarca é, desde esta mañá, a rúa de Virxinia Pereira Renda. Coa  substitución dunha placa por outra por parte dun operario municipal deuse por cumprido un recente acordo plenario.

Pereira recibe desta forma unha homenaxe polo seu papel como “defensora do legado de Castelao”, pero tamén polo seu galeguismo.

A que fora veciña da cidade traballou arreo na defensa do galego e tamén na loita contra o réxime franquista no exilio, só por enumerar algúns dos seus méritos.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou no pequeno acto organizado en paralelo: “Creemos que esta rúa era merecente de cambiar o nome porque a persoa que o representaba non é merecente -e cada vez é máis obvia esta percepción-. É o momento de cambiar por unha persoa que si merece ese recoñecemento”.

Xunto ao rexedor estiveron as edís de Cultura, Protección Cidadá e Obras, Carmen Fouces, Eva Vilaverde e Demetrio Gómez, respectivamente. Ademais, os acompañaron veciños anónimos da localidade.

Segundo explicou Fernández Lores, a iniciativa enmárcase na “decisión de visibilizar a potencia de mulleres desta cidade, que non estaban representadas no rueiro, non estaban recoñecidas socialmente, e para que os cidadáns de Pontevedra as coñezan”.

Pontevedra convértese nunha das primeiras cidades en retirar recoñecementos ao rei emérito
comentarios