Retiran un coche do fondo do porto de Tragove, en Cambados, cun cadáver no seu interior

O porto cambadés de Tragove, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Google)
Sería un veciño do municipio de 65 anos de idade que leva desaparecido desde o 30 de abril de 2022.

Un guindastre retirou no mediodía desta cuarta feira un coche do fondo da auga no porto de Tragove, en Cambados (O Salnés). No seu interior había un cadáver, polo que agora a Garda Civil traballa para identificalo e esclarecer as causas do falecemento.

Segundo fontes do Instituto Armado citadas pola axencia Europa Press, "todo apunta" a que se trataría dun veciño do municipio de 65 anos de idade que leva desaparecido desde o 30 de abril de 2022, cando saíu da súa casa co seu vehículo.

Na mañá desta cuarta feira, a Garda Civil recibiu un aviso dun coche que se atopaba na auga e, posteriormente, deuse a alerta ao Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS), que acudiu ao lugar.

A Garda Civil foi capaz de retirar do mar o coche contra as 13 horas e unha primeira inspección ao vehículo desvelou que no seu interior había restos humanos que serán analizados para a súa identificación.

Desta forma, serán os cotexos de ADN os que determinarán de forma oficial se se trata ou non do sexaxenario cambadés que leva case medio ano desaparecido.