A restrición de reunións de non conviventes será só tres días á semana

Negocio de hostalaría coa normativa durante a pandemia. (Foto: Arxina)
As medidas contra o coronavirus prolónganse dúas semanas máis, resolve o subcomité clínico, que rebaixa a tres días á semana a limitación de reunións entre non conviventes.

A restrición de reunións entre persoas non conviventes entre as 3 horas e as 6 horas da madrugada, queda limitada a este espazo de tempo as quintas feiras, sextas feiras e sábados. Esta rebaixa nas directrices foi unha das decisións que tomou onte o subcomité clínico.

A outra resolución refírese á prolongación durante dúas semanas máis de todas as restricións impostas por mor da expansión da pandemia de Covid-19, que expiraban a terza feira, 18 de xaneiro.

Deste xeito, mantense a limitación de horario na hostalaría. Os bares e restaurantes terán que fechar á medianoite -a 1 da mañá no caso de sextas feiras e sábados-, namentres o ocio nocturno poder permanecer aberto até as 3 da mañá.

Asemade, queda prorrogada a exixencia do certificado Covid para acceder aos locais.

O organismo xustificou a decisión no aumento de casos activos na Galiza, que marca novos máximos cada día das últimas dúas semanas, e indicou que as medidas deben manterse “até dar por rematada a sexta vaga”.

A Xunta continúa manexando un rango entre o 15 e o 18 de xaneiro no que estima que o país chegará ao pico desta onda.

Ademais, o subcomité transmitiu a súa preocupación pola “incerteza acerca de reducir de seis a tres meses o período de tempo que debe pasar desde a administración da segunda dose para poder administrar a de reforzo”.

Aliás, na xuntanza, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade comunicou que desenvolverá un protocolo para o entroido.

Consello Interterritorial de Saúde

A ministra de Saúde, Carolina Darias, subliñou que a variante Ómicron xa é a predominante no Estado, e puxo o foco en que unha vez superada a sexta vaga valorarase implementar un novo sistema de xestión da pandemia, apuntou na rolda de prensa posterior ao Consello Interterritorial de Saúde estatal.