Hostalaría

A gastronomía galega suma tres novas 'Estrelas Michelin': estes son todos os restaurantes co distintivo

Cigalas preparadas no restaurante Pepe Vieira de Poio, que vén de lograr a segunda 'Estrela Michelin'. (Foto: Pepe Vieira)
Pepe Vieira, Ceibe e O'Pazo son os novos restaurantes premiados.

O chef Xosé Cannas, do restaurante Pepe Vieira, situado na parroquia de Serpe (Raxó, Poio), quixo reivindicar esta cuarta feira os "valores rurais" no mundo gastronómico e da restauración nada máis lograr a segunda 'Estrela Michelin' para o seu estabelecemento, nunha resolución que vén de darse a coñecer.

Cannas recoñeceu que para aqueles proxectos situados en pobos pequenos "custa un pouco máis" destacar na esfera gastronómica. "Estamos moi arraigados, e os valores modernos dos restaurantes son valores rurais, e iso reivindícoo moito", afirmou.

A estratexia agora "seguirá sendo a mesma" tras moitos anos de proxecto, e pasa por "ir sempre máis aló". "Seguiremos loitando para dar moito máis aos nosos clientes", precisou o chef.

Agora a gastronomía da Galiza está "máis perto" de conseguir un restaurante con tres 'Estrelas Michelin', malia que agora no seu caso toca "gozar da segunda". "Non nos imos afastar do que nos fixo chegar aquí", abundou. Cannas "soubo rodearse de profesionais de todos os ámbitos para crear un espazo realmente singular en metade do campo", destaca a guía.

Tres novos recoñecementos para a Galiza

Xosé Cannas, ao mando do restaurante de Serpe, consegue a segunda Estrela para o estabelecemento de Pepe Vieira, unha distinción que se suma ás outras dúas conseguidas nesta última edición por restaurantes galegos, Ceibe (Ourense) e O'Pazo (Padrón).

Así, a Galiza contará o próximo ano cun total de 19 'Estrelas Michelin' en 17 restaurantes, ao conseguir catro novas e perder a que tiña o restaurante Auga e Sal de Santiago de Compostela, que fechou en maio só cinco meses despois de facerse co distintivo.

Así, alén do de Pepe Vieira, que estreará esta tempada a súa segunda Estrela, continúa con dúas Culler de Pau, no Grove. Cunha Estrela fican Maruxa Limón e Silabario, en Vigo; Eirado da Leña, en Pontevedra; Yayo Daporta, en Cambados; Casa Solla, en Poio; A Tafona e Casa Marcelo, en Santiago de Compostela; Árbore da Veira, na Coruña; As Garzas, en Malpica; Retiro da Costiña, en Santa Comba, e, finalmente, Nova e Miguel González, no Pereiro de Aguiar.