A resposta social de Nunca Máis á catástrofe do 'Prestige', a exposición en Ourense

Xosé Lois Vázquez 'Che' e Xosé Manuel Cid, esta sexta feira, no campus de Ourense da Universidade de Vigo. (Foto: Duvi)
Unha mostra homenaxea o "comportamento extraordinario" da cidadanía galega na defensa do país.

Vinte anos de Nunca Máis: resposta social ourensá. Este é o título elixido pola plataforma cidadá ‘Nunca Máis’ para englobar diversas actividades culturais que está levando a cabo na cidade de Ourense durante este mes de marzo para lembrar a catástrofe do buque Prestige no seu 20 aniversario.

No marco desta programación, o campus de Ourense da Universidade de Vigo acolle desde esta sexta feira unha mostra co mesmo título. Segundo indican desde a súa organización, a exposición quere servir “de recordo do que nunca debeu ocorrer e nunca máis debería volver suceder” e “de homenaxe ao comportamento extraordinario da cidadanía galega na defensa do país, e do resto de voluntarios chegados de todo o mundo para axudar na batalla contra a marea negra e limitar o desastre que nos produciu”.

Nunca Máis, a voz da cidadanía

A exposición, que chega ao campus despois de ser exposta no Liceo de Ourense, “acompañaba as presentacións nas carpas de Burla Negra por datas de 2003, do libro titulado Nunca Máis, a voz da cidadanía, que contén máis de 2000 fotografías, recensións de actos, manifestos, informes e frases que se fixeron tristemente célebres ditas polo políticos protagonistas da pésima xestión do desastre do Prestige”.

A mostra amosa ampliadas páxinas desta publicación na que se poden ver imaxes da resposta cidadá acompañadas de información e de declaracións de políticos. Os dous tomos que compoñen este libro e Fomos ficando sos o mar, o barco e mais nós, (todos eles, ao igual que a exposición, producidos por Difusora de Letras, Artes e Ideas) tamén están expostos na mostra para a súa consulta.

Fixar na memoria

Na inauguración da mostra esta sexta feira, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social do campus, lembrou a “pertinencia” de acoller esta mostra tendo en conta que “a maior parte do alumnado desta facultade aínda non nacera ou era moi novo cando aconteceu esta catástrofe”.

Neste senso subliñou que “é moi importante tomar conciencia histórica do que pasou, sobre todo para que non se repita: reflexionar a día de hoxe se temos resolto e aprendida a lección do que daquela aconteceu”. O decano lembrou como no medio do desastre acontecido “o positivo foi aquela explosión de solidariedade, de colaboración de toda aquela xente de todo o mundo, toda aquela marea de solidariedade que de seguro permitiu que o noso país, o noso mar e as nosas costas se recuperasen antes do previsto”.

Tomar conciencia

Pola súa banda, Xosé Lois Vázquez ‘Che’, responsábel da mostra, indicou que “esta exposición é un primeiro trunfo do que sería a construción da memoria colectiva sistematizada” do movemento de resposta cidadá ao acontecido co Prestige. Desde que se decidiu crear o arquivo de ‘Nunca Máis’ e editar libros sobre ese arquivo, sinalou, "a proposta estaba racionalizada ao 100%: queriamos rachar este sistema de transmisión do noso pasado que sempre está suxeito á negación. Para nós, o reto era tomar conciencia da tremenda agresión que supuxo o que pasou, agresión que sigue en pé porque o corredor por onde pasan os barcos con materiais perigosos segue activo, algo máis afastado pero o perigo sigue aí”.

Coa creación do arquivo e dos libros editados, apuntou Xosé Lois Vázquez, “quixemos que quedase fixada esa memoria”, contando coas achegas de arredor de 350 fotógrafos de toda Galicia e de dúas persoas, o fotógrafo Xabier Paz e Alba Vázquez, que “percorreron centos de quilómetros recollendo e fotografando material”.