Sen resposta sobre a situación das persoas doentes de hepatite C nas cadeas

A Consellaría de Sanidade continúa sen entregar a información requerida pola Valedora do pobo en setembro de 2015 e sen dar cumprimento ao acordo adoptado polo Parlamento en xaneiro. 

Malias as constantes chamadas á orde por parte da Valedora do pobo, a Consellaría de Sanidade continúa sen suministrar a información que lle foi requerida por esta institución a respeito da situación que atinxe a poboación reclusa doente de hepatite C. 

Sanidade négase a suministrar información á Valedora desde o mes de setembro do pasado ano

A primeira solicitude foi remitida en setembro de 2015 a instancias da Plataforma de persoas afectadas pola hepatite C e do expediente incoado pola queixa que este colectivo presentou. Nese senso, a Valedora outorgaba un prazo de 15 días para que lle foran remitidos os dados. Porén, tres meses despois aínda non recibira nada. “A Consellería de Sanidade persiste na súa actitude de non enviar a información requirida en relación coa súa queixa, a pesar de que a demandamos en dúas ocasións”, indicaba. 

Nesa altura, a Fiscalía daba a coñecer as cifras de persoas atinxidas por esta doenza entre a poboación reclusa, un total de 654, das que 165 precisarían tratamento. Recoñecendo, aliás, que Institucións Penitenciarias obrigaas a se descolocar a prisións madrileñas para recibir os fármacos. "Os que non aceptan o traslado non reciben a prestación farmacolóxica", apunta. 

A Fiscalís cifra en 654 as persoas reclusas con hepatite C e en 165 as que precisan tratamento

Perante a negativa de Sanidade a informar a Valedora a Plataforma de persoas afectadas pola hepatite C lembraron á institución a súa obriga de formular as advertencias legais pertinentes estabelecida no artigo 22.2 na Lei da Valedora do pobo “a negativa ou neglixencia de calquera organismo, funcionario ou dos seus superiores responsables ao envío dos informes solicitados poderá ser considerada polo Valedor do Pobo de Galicia como hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, de ser o caso, ao Parlamento”.

Institucións penitenciarias obriga os doentes a se deslocar a cadeas madrileñas para recibir os fármacos

Así as cousas, "até hoxe non temos recibido resposta algunha da institución encargada de velar pola defensa das e os cidadáns ante as administracións", apunta a plataforma nun comunicado de imprensa. 

Entretanto, lembran, o Parlamento instou Sanidade en xaneiro e por unanimidade a “dispensar sen máis dilación os novos fármacos para a Hepatite C a todas persoas internas nos centros penitenciarios galegos” e a “establecer un sistema coordinado entre o SERGAS e a Dirección General de Instituciones Penitenciarias” para resolver as cuestións de financiamento. 

Tres meses despois, sinalan, "situación no interior das prisións non mudou o máis mínimo". Desde a Plataforma de persoas afectadas pola hepatite C advirten que farán "responsables das consecuencias que para estes enfermos poidan producirse".