Un ano do Plan estratéxico para a hepatite C

[Imaxe Plataforma de afectados pola Hepatite C]

Como se está a implantar o programa após 365 días da súa entrada en vigor? A Plataforma de persoas atinxidas pola Hepatite C fai balanzo.

Conseguir a súa aprobación foi unha longa batalla popular que continuou para que se fixese extensivo a todas as persoas con esta doenza. A aparición de tratamentos de segunda xeración, cunha taxa de curación da enfermidade entre o 90% e o 95%, non se traduciu de facto no seu suministro aos doentes.

A Fiscalía denunciou a Xunta pola morte de cinco persoas durante o tempo en que os tratamentos debían ser aprobados por unha subcomisión. O goberno podería ter cometido un delito criminal

O Sergas constituíu na altura unha subcomisión, conformada por persoal médico e cargos políticos, que servía de peneira ás solicitudes presentadas polas equipas médicas. Un 'ti si, ti non' rodeado de "escurantismo", como denunciaron en repetidas ocasións desde a Plataforma de persoas atinxidas pola hepatite C, que causou mesmo a morte dalgúns pacientes. No concreto cinco casos que están en mans da xustiza e perante os que a Fiscalía presentou denuncia contra a propia Xunta

Da actuación do goberno galego "pode deducirse claramente a existencia dunha infracción penal", sinalou na altura o colectivo denunciante, Batas Brancas, pois a subcomisión que debía autorizar a prescrición destes fármacos, presidida polo actuar xerente do CHUVI, Félix Rubial, non autorizou o uso dos novos tratamentos solicitados por especialistas, de acordo co protocolo aprobado polo Ministerio de Sanidade. Pola súa banda, o Sergas defende a súa xestión apelando ás cifras de tratamentos concedidos. 

A presión popular conseguiu que finalmente a subcomisión fose disolta. "A desaparición da criminal (a Fiscalía e a Xudicatura ven indicios claros de que houbo comportamentos delitivos) Subcomisión para os tratamentos de Hepatite C permitiu que neste ano a maioría das e os pacientes en fases F2 a F4 teñan sido tratadas. Neste sentido temos que felicitarnos de que aquilo que era máis urxente estea a ser atendido", sinalan nun comunicado de imprensa desde a Plataforma. 

Carecemos de datos desagregados por áreas sanitarias que nos permitan detectar desequilibrios, di a Plataforma

Faltan dados

Porén, ao longo deste primeiro ano de implantación do Plan "a Consellería non está a ser todo o transparente que debera na achega dos dados", apuntan. A nosa petición de constituír unha Comisión de Seguimento do Plan en Galicia, con participación das asociacións de pacientes non foi atendida". Así mesmo, "o compromiso inicial de manter reunións trimestrais nas que se nos facilitasen os dados e puidésemos intercambiar opinións sobre como mellorar o funcionamento do Plan, na práctica, quedou en que a Consellería nos convoca sen periodicidade algunha (dúas veces nun ano) para darnos datos de tratamentos dispensados", continúan. 

"Carecemos de datos desagregados por áreas sanitarias que nos permitan detectar desequilibrios, tampouco se nos facilita o número de diagnosticados en cada fase, nin globalmente nin por áreas", sinala a Plataforma facendo referencia á última vez que lles foron achegados dados oficiais, o 31 de outubro, "polo que non sabemos se o ritmo inicial se mantén ou foi ralentizado por motivos orzamentarios". 

As cadeas

Entre as cuestións máis conflitivas sitúase aliás a dispensación dos tratamentos entre a poboación reclusa. Segundo recolle o Plan estratéxico as persoas presas son un grupo de atención prioritaria pola taxa de infección é 13 veces a da poboación non recluída. Isto é,  máis dunha de cada cinco persoas presas está infectada polo VHC. Neste senso, a Plataforma denuncia que non se están a suministrar os medicamentos en boa medida por un conflito competencial entre a Xunta e o Ministerio do Interior através de Institucións Penitenciarias. 

O Sergas non suministra o tratamento a doentes reclusos o que obriga a estes a se deslocaren a penais madrileños ou non recibilos

Na Galiza, as competencias en materia de sanidade nas prisións pertencen aínda ao goberno español, embora o Parlamento instase o pasado ano a Xunta a reclamalas. Neste contexto, Sanidade estase a eximir do pagamento dos fármacos obrigando as persoas que os precisan a ser deslocadas durante o período de tratamento a penais madrileños. Do contrario, non acceden a eles. 

Malia a posición da Xunta o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza resolveu en maio de 2015 que o Sergas debe facerse cargo do tratamento --incluse existindo conflito-- ao non poder prevalecer o interese económico sob o dereito á atención sanitaria. 

Durante este tempo un doente recluso na cárcere de Teixeiro faleceu. O seu caso está a ser investigado por se puidese existir relación entre o seu falecemento e o non acceso a un tratamento acaído. E é que "segundo un informe do Fiscal Superior" presentado "a instancias da nosa asociación", sinalan desde a Plataforma, "establece que 654 reclusos en Galicia están afectados, dos que 165 precisan tratamento inmediato sen que este lles sexa dispensado". "Unha situación que vimos denunciando tanto publicamente como diante de institucións como a Valedora do Pobo e apropia Fiscalía, sen que consigamos desbloqueala" pois o goberno galego négase mesmo a achegar os dados solicitados pola Valedora. 

A Xunta non suministra información após reclamarllo en múltiples ocasións a Valedora do Pobo

Polo camiño, o Parlamento volveu aprobar por uninanimidade "unha Proposición Non de Lei, que presentamos a través dos grupos da oposición, instando á Consellería a “tratar sen máis dilación” aos reclusos e negociar con Institucións Penitenciarias o financiamento deses tratamentos", explican. Así as cousas, "a día de hoxe, desde a Consellería non se fixo nada para dar cumprimento a ese acordo do Parlamento", denuncia o colectivo. 

Formación e concienciación

Para alén disto, aseguran desde a Plataforma, a respeito "das demais liñas estratéxicas do Plan só podemos dicir que nada foi feito: Se o propio documento aprobado polo Ministerio e as Comunidades Autónomas establece que o 70% das persoas infectadas non están diagnosticadas, parece evidente a necesidade dun plano de cribado que permita detectar a cantos máis destes doentes. Unha medida establecida no Plan que é esencial para reducir a incidencia da infección na que nada se ten feito ata hoxe", afirman. 

O persoal de Atención Primaria carece absolutamente de información sobre as novas estratexias

"O persoal de Atención Primaria carece absolutamente de información sobre as novas estratexias para o tratamento de Hepatite C e teñen que recabar esa información dos propios doentes. Non existe un deseño para a formación do persoal médico e de enfermería de Primaria como o propio Plan establece", acrecentan. Ao mesmo tempo que, critican, "tamén se contemplan accións de información e concienciación, tanto dirixidas a doentes como á poboación xeral. Pois temos que dicir que diso, a día de hoxe, non hai nada". 

Neste contexto, din, "temos que continuar esixindo que este se aplique de verdade e en toda a súa extensión".