O responsábel do Colexio de Médicos de Pontevedra vincula a falta de efectivos cos permisos por maternidade

Unha concentración de traballadoras e traballadores dos PAC.

 “Hai que ter en conta que o 80% dos médicos son mulleres (...) agora a muller colle unha baixa por maternidade e que pasa durante ese tempo?”. As declaracións do novo presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, o xinecólogo Isidro Lago provocaron protestos nas redes sociais.

“Grazas Isidro, grazas por dicir que malia ser mulleres, tamén podemos facer a medicina. Diferente, quizais, con peitos voluptuosos, cadeiras anchas e coxas, mais de calidade”. Así respondía, en ton irónico, en Twitter, unha médica que vén de ser nai ás polémicas declaracións realizadas polo novo presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Isidro Lago.

O xinecólogo, nunha entrevista publicada por Faro de Vigo e preguntado polo déficit de médicos, respondía: “Hai que ter en conta que o 80% dos médicos son mulleres. É outro tipo de medicina, diferente, de igual calidade, mais agora a muller colle unha baixa por maternidade e que pasa durante ese tempo?”.

A médica retrucou nas redes sociais: “Non se chaman baixas de maternidade, son permisos de maternidade e non son unha incapacidade temporal. As cousas polo seu nome. Os homes tamén teñen permisos de paternidade”. “Hai que ser valente para dicir semellante mentira cando tes todas as mulleres con desexo reprodutivo na precariedade”, agregou a facultativa, que apuntou: “Eu fun ao paro embarazada porque non podía nin estar de baixa e porque non me daba a vida para traballar con contratos de días”.

Outra médica de familia insta o presidente do Colexio de Médicos a citar os estudos que defenden que o problema de escaseza de persoal é a cantidade de permisos por maternidade vixentes, “saiba xinecólogo e supoño que obstetra que non existen baixas laborais por maternidade, senón permisos por maternidade. A maternidade non é unha enfermidade e o permiso é un dereito laboral que supón protección para o recentemente nado”.

Defende o feche de PAC

A polémica foi alén da vinculación de falta de médicas e médicos cos permisos de maternidade. Isidro Lago defendeu na entrevista o feche de PAC: “O que habería que facer é pechar algúns Puntos de Atención Continuada (PAC). Hai que concentralos nun centro de saúde e atender a poboación en condicións. Que pasa se chega un paciente con parada a un PAC e só hai unha enfermeira para o atender?”.

Sinalou tamén que “para chegar ao centro de saúde máis próximo non se debe tardar máis dun cuarto de hora”. Iso, afirma, “conséguese con boas vías de comunicación e máis heliportos para evacuar enfermos graves”. “É máis barata unha pista asfaltada para un bo heliporto que ter un PAC funcionando mal todo o ano”.

Na mañá da quinta feira, e após a polémica nas redes sociais, o Colexio de Médicos de Pontevedra enviou un comunicado de imprensa aos medios onde se indica que “hai que ser consecuentes coa escaseza de profesionais, polo que se deben incentivar tanto económica como laboralmente, mediante contratos estábeis, e así evitar a denominada fuga de cerebros”.

“Aseveramos que hai que ser conscientes e sensatos coa situación actual e manifestamos que o que non se pode permitir é falsear a precariedade da asistencia sanitaria e que, ante un problema sanitario, non se poñan os medios necesarios para o solucionar e que, á súa vez, se pretenda responsabilizar os profesionais da situación desa precariedade”, recolle o comunicado.

O Colexio cita como “única responsábel” a “Administración e os seus xestores”.