Respecta a policía os dereitos lingüísticos da poboación galega? A Mesa pide garantir o dereito a usar o galego nas comisarías

Un axente da Policía Nacional (Foto: Nós Diario).
Así o fixo diante da queixa presentada por unha veciña de Pontevedra que foi acusada por un axente de "faltar o respecto á autoridade", por insistir no seu dereito a a poder expresarse e ser atendida na lingua propia de Galiza.

A Mesa pola Normalización Lingüística solicitou esta cuarta feira que se tomen medidas para garantir o dereito a usar o galego en todas as comisarías de policía e do resto de forzas e corpos de seguridade do Estado español.

Así o fixo diante da queixa presentada por unha veciña de Pontevedra que foi acusada por un axente de "faltar o respecto á autoridade", por insistir no seu dereito a a poder expresarse e ser atendida na lingua propia de Galiza.

Segundo denuncia esta veciña da cidade do Lérez, o axente de policía afirmou que el non entende o galego e cuestionou o dereito da cidadanía a expresarse nesta lingua diante das institucións públicas.

Aínda que a muller accedeu a cambiar de lingua, o axente continuou obstaculizando o proceso, polo que a denunciante decidiu paralizar o trámite e volver noutro momento para interpor unha queixa por non recibir o trato adecuado nin ser atendida na lingua propia.

Nese momento, o axente interpuxo unha denuncia contra a muller por "faltar o respeto á autoridade", ao queixarse da súa actitude contra os dereitos lingüísiticos da poboación galega.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, lembra que "os dereitos linguísticos son parte dos dereitos humanos" e que "a policía tería que estar para defendelos".

Neste sentido, a entidade en defensa da lingua exixe ao Ministerio do Interior que se informe a todas as forzas e corpos de seguridade do Estado dos dereitos que deben defender.

Ademais, a Mesa tamén propón que se elabore unha campaña específica animando a usar o galego nas relacións con estes corpos de seguridade do Estado español .

A Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística conta cun servizo gratuíto para tramitar queixas diante da vulneración dos dereitos lingüísticos, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantia do dereito a vivir en galego. Trátase da Liña do Galego, dispoñíbel tanto na web como a través dunha app de descarga gratuíta en iTunes e Google Play.