Televisión

'La Resistencia' ou 'Land Rober', cal é máis caro? As críticas a RTVE pola contratación de Broncano esquecen outros contratos millonarios

O presentador de 'La Resistencia', David Broncano (Foto: Festval).
Cada unha das emisións de 'La Resistencia' terá un custo medio duns 87.500 euros.

Despois de tres reunións do Consello de Administración de RTVE, a canle pública estatal fechou un contrato para que o programa 'La Resistencia', presentado polo comediante David Broncano, sexa emitido a partir do mes de setembro.

Desta maneira, o contrato para a emisión do programa que actualmente ofrece Movistar+ será por dúas tempadas, polo que o programa de humor será emitido de segunda feira a quinta feira en horario de máximo audiencia na Primeira de RTVE.

Esta fichaxe implicou unhas críticas ao Goberno estatal e ao presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, desde a dereita e a ultradereita. A reprimenda incluso chegou ao Congreso por parte do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo.

Feixoo dixo lamentar que a axenda política neste momento no Estado español "estea centrada en contratos millonarios para as televisións públicas", nunha clara alusión á polémica xerada polo acordo entre RTVE e o equipo liderado por David Broncano.

Segundo as informacións coñecidas até o momento, La Resistencia fará en RTVE ao redor de 160 programas por tempada, o que supón uns 320 durante os dous exercicios pactados, segundo El Diario. Así, a razón de 28 millóns de euros de retribución, cada unha das emisións terá un custo medio duns 87.500 euros.

Comparación con outros contratos das canles públicas

A grosa cifra de 28 millóns de euros, elevada ao debate público durante semanas, desatou un debate con fortes críticas tanto ao Goberno estatal como ao propio David Broncano. De forma paradoxal, RTVE aforrará 20.000 euros con cada programa, posto que 'La Resistencia' ocupará o mesmo posto durante as mesmas xornadas que a serie '4 Estrellas', cun custo de 110.000 euros por capítulo.

Porén, moita xente considera que 87.500 euros por capítulo é un custo moi elevado. Á marxe das opinións de cada persoa, as críticas do PP caen nunha contradición con outros contratos realizados por este partido para o desenvolvemento de programas en canles públicas.

Sen ir máis lonxe, na propia televisión pública galega, segundo O Salto, cada un dos contratos da CRTVG para a emisión de 'Land Rober' (formato coproducido entre Destino Bergen, de Roberto Vilar, e CTV), que se asinan por cada 15 programas, alcanzan case os 1,4 millóns de euros, o que supón 93.000 euros por emisión. Este formato, presentado por Roberto Vilar, ademais, estivo presente na TVG durante a época de Feixoo no Executivo galego, o que choca coas súas críticas por "contratos millonarios".

Mais non é o único caso de contratos superiores ao de La Resistencia na televisión pública. Por exemplo, na propia RTVE, neste caso con Mariano Raxoi (PP) na Presidencia do Goberno estatal, asinouse un acordo para a emisión de 'En la tuya o en la mía', presentado por Bertín Osborne, que chegou a costar 120.000 euros por programa ás arcas públicas, segundo lembra Diario Critico.

Javier Cárdenas tamén tivo o seu momento na pública e presentou o programa 'Hora Punta', que na última tempada un episodio semanal custaba 150.000 euros, incide este xornal, que tamén recorda os comezos de 'Masterchef', que iniciou en 2013 cun contrato de 363.000 euros por programa, e que agora aínda é superior.