A resiliencia dos maiores fronte a Covid-19

A Cátedra Cruz Vermella da USC analiza a satisfacción percibida pola poboación maior da súa calidade de vida. (Foto: Cruz Vermella)
Un estudo confirma o descontento dos maiores coas medidas anti coronavirus.

Un estudo impulsado pola Cátedra Cruz Vermella da Universidade de Santiago de Compostela (USC) avalía a percepción subxectiva das persoas maiores sobre a súa calidade de vida. Faino a través dunha enquisa validada pola Organización Mundial da Saúde -WHOQOL-BREF- á que os coordinadores da investigación sumaron cuestións referidas á pandemia de coronavirus co obxectivo de afondar, ademais, no impacto da Covid-19 apreciado pola poboación galega maior de 65 anos.

Na recta final de novembro, un total de 411 persoas de todo o territorio, usuarias de Cruz Vermella, participaron no estudo.

As persoas maiores da Galiza demostraron unha importante capacidade de resistencia, reacción e adaptación

"O cuestionario que lles trasladamos consta de 26 preguntas, dúas xerais sobre a calidade de vida e a satisfacción co seu estado da saúde e 24 para aproximar  a calidade de vida a catro dimensións específicas: a física, a psicolóxica, a das relacións sociais e a do ambiente", explica a Nós Diario o director da Cátedra e profesor de Economía Aplicada da USC, Fidel Martínez Roget.

Os resultados preliminares avanzan que as persoas maiores da Galiza "demostraron unha importante capacidade de resistencia, reacción e adaptación". 

Resiliencia

Nun contexto de grandes dificultades, aclara Martínez Roget, "case a metade das persoas valoran como moi boa ou bastante boa a súa calidade de vida. Só 4% a cualifica como moi mala". 

Os maiores de 85 anos teñen unha enorme capacidade de resiliencia e valoran en maior medida a conquista da lonxevidade

Os investigadores non constatan diferenzas importantes entre homes e mulleres mais advirten un aumento "significativo" das percepcións positivas entre a poboación de máis idade. "Observamos que as persoas máis anciás, de 85 anos ou máis, teñen unha enorme capacidade de resiliencia, froito da súa experiencia, e valoran en maior medida a conquista da lonxevidade".

O impacto da Covid-19

As avaliacións máis negativas están relacionadas coa pandemia. "As oportunidades de ocio, os recursos económicos e os servizos de transporte son os capítulos menos valorados", advirte o profesor da USC, ademais das medidas específicas aprobadas durante a pandemia para as persoas maiores e dependentes

"Están moi descontentas tanto coas medidas que dispuxeron para elas durante o confinamento como coa imaxe que delas se proxectou tanto nos medios de comunicación como nas redes sociais".

Novas políticas de atención 

Desde Cruz Vermella, Pedro Jiménez, responsábel de Relacións Institucionais e coordinador da Cátedra, salienta a pertinencia desta enquisa nun momento de especial preocupación pola calidade de vida dos maiores, "un dos colectivos máis afectados pola Covid", advirte.

A Cátedra busca investigar e desenvolver contidos valiosos para mellorar o coñecemento sobre as persoas maiores contando con elas

"A Cátedra busca investigar e desenvolver contidos valiosos para mellorar o coñecemento sobre as persoas maiores contando con elas, para afinar as nosas liñas de traballo e deseñar políticas de atención melloradas", salienta.

A primeiros de 2021, USC e Cruz Vermella presentarán os resultados ampliados da súa enquisa. "Entón, disporemos de respostas moi útiles para compartir e favorecer non só a faceta persoal destas persoas, mais tamén a súa esfera familiar e comunitaria", incide Jiménez.