Defensa da Sanidade Pública subliña a responsabilidade da Xunta na falta de control das residencias

Imaxe da residencia A Nosa Señora da Esperanza. (Imaxe: CRTVG)
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) vén de responder ao posicionamento da Sociedade galega de Xerontoloxía e Xeriatría respecto da situación das residencias de maiores como consecuencia da crise sanitaria. A entidade apunta á Administración sanitaria galega, " que ten transferida a responsabilidade das mesmas, e que non as controlou".

Na resposta ás declaracións do presidente da Sociedade galega de Xerontoloxía e Xeriatría, Miguel Ángel Vázquez, a AGDSP censura que se acuse "o sistema sanitario (suponse que ao persoal de Atención Primaria e Especializada e Hospitais) de non atender persoas maiores nas residencias e de rexeitalos nos hospitais, sen achegar probas de tan grave acusación", sen facer referencia ademais á "responsabilidade da Administración sanitaria galega".

Para a plataforma na defensa da sanidade pública, a Sociedade de Xerontoloxía "atribúe as mortes a que as residencias non son servizos sanitarios e defende a calidade das instalacións e das condicións". Fronte a esa consideración, pon de relevo as denuncias de familiares e do persoal sobre as "deficientes condicións"  e remítese tamén a un informe do Consello de Contas de  2018 "que denunciaba a falta de control da Administración, falta de persoal, problemas nas instalacións, incumprimento de protocolos de funcionamento, por parte das xerencias dos centros".

A este respecto, alude ás "numerosas investigacións e informes recolleitos polos medios de comunicación sobre o lamentábel estado de moitas delas".

Da mesma maneira, o AGDSP lembra que o Defensor del Pobo denunciou en dous informes "o abuso das suxeicións psíquicas e físicas nas persoas maiores das residencias e relaciónaas coa escaseza de persoal, o abuso de drogas psicotrópicas e outros fármacos sedantes e a alta frecuencia de suxeicións físicas, moi superiores aos doutros países de Europa, e que atentan contra a saúde física  e psíquica destas persoas".