A residencia de maiores de Oleiros, ao límite pola Covid: "Non hai organización ningunha"

Unha sanitaria inocula a terceira dose da vacina a unha muller nunha residencia de maiores (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
Unha traballadora do centro denuncia que o Goberno galego "está a reforzar o persoal, mais non é suficiente".

A nova vaga de contaxios da Covid-19 nas residencias de maiores da Galiza e a falta de recursos están a estragar a calidade do servizo. Así o manifesta unha das traballadoras do centro de Oleiros —de titularidade pública—, nunha mensaxe de voz á que tivo acceso Nós Diario. Nesta residencia, afirma, hai hoxe arredor de "123 positivos", mais aínda os cribados ás persoas usuarias na procura de novos casos.

Esta traballadora, que estivo a fin de semana reforzando a quenda de noite, é contundente no que atinxe á situación actual do centro de maiores: "Organización? Ningunha. Están reforzando, mais non o suficiente. Temos dúas plantas case cheas, quedan só tres ou catro persoas...", sostén.

Con todo, matiza: "A organización é moi mala, mais tamén é certo que a xente non pon moito da súa parte. Na planta de abaixo temos todo bastante ben organizado, mais arriba é un desastre...".

A residencia pública de Oleiros conta con 284 prazas, polo que actualmente estaría contaxiado practicamente a metade do persoal residente. Mais non é posíbel sabelo con precisión, xa que a Xunta da Galiza decidiu a pasada semana deixar de informar dos casos notificados en cada centro para ofrecer só a información desagregada por áreas sanitarias.

Así, segundo o último boletín enviado pola Consellaría de Política Social, a cuarta feira 2 de febreiro, na área da Coruña-Cee había 181 positivos confirmados, sendo, deste modo, a máis afectada do país por riba de Ourense-Verín-O Barco, con 166.

Condicións "precarias"

O pasado 20 de xaneiro, un grupo de traballadoras e traballadores da Administración pública pertencentes á categoría de técnicos auxiliares de enfermaría (TCAE) remitiu un escrito á Valedora do Pobo para reivindicar os seus "dereitos" sobre as listas de contratación e denunciar as condicións "precarias" dos seus contratos.

Sobre as condicións dos contratos, sinalaban: "É imposíbel vivir cun mínimo de dignidade cos ingresos que xera un contrato de dúas horas por xornada, unhas 3,5 horas cada xornada durante dous días á semana... Son ingresos moi inferiores ao salario mínimo interprofesional e incluso á Risga, como é o caso dun contrato de dúas horas ao día".

De feito, a escaseza de persoal nos centros de maiores de titularidade pública levou Política Social a "valorar" a contratación de persoal non titulado para reforzar o servizo, unha decisión moi criticada polos sindicatos e os colectivos en defensa das persoas residentes.