Logran reflotar o submarino achado en Arousa mentres "todas as hipóteses están abertas"

O submarino estaría relacionado co recente achado de 'narcolanchas' varadas no litoral de Ribeira. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
A nave, que estaría baleira, ten unhas dimensións "superiores" ás que se prevían inicialmente.

Os efectivos de Garda Civil e Vixilancia Aduaneira retomaron á primeira hora desta terza feira as tarefas para tentar reflotar o 'narcosubmarino' afundido a unha milla da costa de Arousa, fronte ao porto de Vilaxoán, obxectivo que lograron hai escasos minutos. Segundo informaron fontes da investigación, contra as 8 horas desprazáronse á zona efectivos do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS), Servizo Marítimo, un helicóptero e varias patrullas policiais, alén doutras autoridades.

Mobilizouse o remolcador Insuíña Rande, con base no porto do Grove —o mesmo que participou no operativo de remolque do 'narcosubmarino' afundido con varias toneladas de cocaína a bordo fronte á ría de Aldán (Cangas), en novembro de 2019—, coa finalidade de reflotar o semisomerxíbel e poder así trasladalo a terra.

Este submarino foi albiscado, semiafundido, na mañá da segunda feira por mariñeiros que deron aviso ás autoridades, e ao momento mobilizáronse efectivos de Vixilancia Aduaneira, Garda Civil, Salvamento Marítimo e Policía Nacional, con medios marítimos e aéreos, e tamén cunha ampla despregadura de medios en terra.

O persoal investigador baralla como principal hipótese que este artefacto, de fabricación caseira, estea vinculado coa actividade do narcotráfico e, en concreto, coas supostas 'narcolanchas' que apareceron varadas hai unhas semanas no litoral de Ribeira.

A subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba, sinalara nas últimas horas que a nave tería entre 15 e 16 metros de eslora. Porén, tanto a propia Larriba como o máximo representante do Executivo na Galiza, José Miñóns, aseguran agora que a nave ten unhas dimensións "superiores" ás que inicialmente se calcularon.

Os labores de reflotación están a realizarse "con normalidade", insuflando aire no seu interior. Pola súa parte, Miñóns afirmou que no momento actual están "todas as hipóteses abertas", até que chegue a porto a nave e sexa posíbel acceder ao interior da mesma. Nas próximas horas remolcarase a terra para a súa posterior análise.

Segundo informa esta mesma terza feira o Diario de Pontevedra, o submarino está baleiro, pois, de feito, o escenario máis previsíbel que se contempla nestes momentos é que se descargasen os estupefacientes antes de provocar o afundimento da nave.