Achan un novo 'narcosubmarino' na ría de Arousa

Imaxe de arquivo do 'narcosubmarino' localizado en Aldán (Cangas) en 2019. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
É a segunda embarcación localizada na Galiza após a de Aldán (Cangas) en 2019, nunha operación pioneira en Europa.

*Información actualizada ás 15.10 horas

Un submarino semisomerxíbel de fabricación artesanal foi localizado nas últimas horas na ría de Arousa, no porto de Vilagarcía á altura de Vilaxoán, e a Garda Civil e Vixilancia Aduaneira fixéronse cargo da investigación sobre esta embarcación, xa que todos os indicios apuntan a que estaría vinculada co narcotráfico.

Fontes da investigación confirmaron o achado da nave, a unha milla mar a fóra, fronte a Vilaxoán, cando estaba xa practicamente afundida coa proa visíbel sobre a superficie do mar. Até a zona desprazáronse efectivos de Vixilancia Aduaneira e da Garda Civil, e xa se atopa no punto o barco de Salvamento Marítimo Salvamar Sargadelos, que ten porto base en Ribeira, para facer labores de apoio, por se a embarcación puidese verter combustíbel ao mar.

Polo de agora descoñécense as circunstancias do afundimento da embarcación, e todo apunta a que non hai persoas no seu interior. Con todo, serán os investigadores os que determinen se os mergulladores poden entrar ao semisomerxíbel e comprobar se leva carga algunha ou tripulación.

Tamén está por determinar o operativo para reflotalo e remolcalo a algún porto próximo, xa que as condicións do mar e o vento —esta segunda feira está decretada a alerta laranxa en todo o litoral por temporal costeiro— poden complicar as manobras.

As primeiras pesquisas, con todo, apuntan a que a embarcación semisomerxíbel está relacionada coas dúas 'planeadoras' que apareceron varadas na costa do Barbanza en febreiro pasado. Fontes de Aduanas precisaron que a nave está xa afundida e que os seus efectivos puideron baixar un dron submarino para investigala. En terra tamén se despregou un importante dispositivo de forzas de seguridade, no porto de Vilaxoán, con axentes de Policía Nacional, da UCO de Garda Civil e de Axencia Tributaria, con medios terrestres e aéreos.

O segundo tras o 'pioneiro' de Aldán

O 'narcosubmarino' localizado en Aldán, Cangas, en 2019. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

Este é o segundo 'narcosubmarino' que as autoridades localizan en augas galegas após o de Aldán (Cangas) en 2019, o primeiro interceptado en Europa, nunha operación que se saldou coa incautación de máis de 3.000 quilogramos de cocaína.

Os tres tripulantes daquela embarcación foron condenados o pasado ano a once anos de prisión e multas millonarias. Outras catro persoas involucradas na trama recibiron sentenzas superiores a sete anos de cadea.