Activado o plan anticontaminación por unha "considerábel" vertedura de gasóleo do barco incendiado en Muros
Gardacostas solicita medios a Salvamento para evitar que o combustíbel chegue á costa e o Goberno español activa o Plan Marítimo Nacional en fase de alerta.
A Xunta da Galiza activou esta cuarta feira o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental da Galiza (Camgal), no seu nivel medio, por unha vertedura de gasóleo de "tamaño considerábel" ocasionado polo incendio e posterior afundimento do Nueva Marina, ocorrido de madrugada en Muros (comarca homónima) e polo que dous mariñeiros tiveron que ser rescatados.
Ademais, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, dirixiu un escrito ao delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Blanco, para solicitar a activación do Plan Marítimo Nacional, que efectivamente se puxo en marcha "en fase de alerta", tal e como informa a Xunta nun comunicado.
Gardacostas da Galiza traballa na zona desde primeira hora coa patrulleira María de Pazos, da base de Portosín (Porto do Son, comarca de Noia), despois de ser notificada do incidente. Tamén permanece no lugar coa patrulleira Mar de Galicia, facendo tarefas de dispersión mecánica "ante o tamaño considerábel" da vertedura.
Así mesmo, o servizo galego solicitou a Salvamento Marítimo "todos os medios dispoñíbeis" na zona para evitar que a mancha de hidrocarburos chegue ás praias galegas nas próximas horas.
Dous mariñeiros rescatados
Por este suceso, dous pescadores tiveron que ser rescatados tras sufrir feridas despois de rexistrarse un incendio no barco cando faenaban na zona de Lariño.
Sobre as 6.15 horas, persoal de Urxencias Sanitarias da Galiza-061 daba aviso á central de emerxencias de que se desprazaban ao porto pesqueiro de Porto do Son para atender estes dous mariñeiros, que sufriran un incendio na súa embarcación cando pescaban a máis de tres millas da costa de Louro.
Foi o pesqueiro La Chainza, que faenaba na zona, quen puido rescatar aos dous tripulantes, que a continuación foron trasbordados á Salvamar Régulus de Salvamento Marítimo e trasladados ao porto de Porto de Son. Desde alí foron trasladados en ambulancia ao Hospital do Barbanza, un deles con queimaduras.