Requisan bandeiras nacionalistas en Pasarón a seareiros do Pontevedra

Axentes da Policía Nacional e da seguranza privada do estadio terían mesmo ameazado os afeccionados, segundo recolle o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades 'Esculca'.

Axentes do Corpo Nacional de Policía e da seguranza privada do estádio de Pasarón, “abordaron e ameazaron” a seareiros do Pontevedra, membros do grupo 'Mocidade Granate', antes do partido que os pontevedresas ían desputar coa Cultural Leonesa. Segundo recolle Esculca e denuncian organizacións como Isca, os axentes confiscáronlles bandeiras nacionalistas galegas e prohibiron aos mozos, de entre 15 e 19 anos, exhibiren a faixa co nome da peña.

Mocidade Granate leva anos apoiando o Pontevedra F.C. coas suas faixas e bandeiras sen que até hoxe se teñan producido altercados de ningún tipo, o que torna ainda máis extraordinario o inxustificábel comportamento da Policía Nacional”, apontan desde o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades.

Esculca di que se obrigou os mozos a porse nun lugar diferente ao que ocupan habitualmente no estadio, “ameazounos con confiscarlles a faixa caso a exhibiren e tentou relacionalos co incidente da puñada propinada a Rajoy hai uns días por un familiar da súa muller”.

Non é a primeira vez que se produce a requisa de bandeiras nacionalistas en recintos deportivos galegos, tanto campos de fútbol como de baloncesto.