A requisa de bandeiras nacionalistas galegas en Pasarón chega ao Parlamento

O deputado do BNG Luis Bará pregunta ao goberno galego por esta confiscación. Considera a fronte nacionalista que estamos diante dun “ataque contra a liberdade de expresión”, como se puxo de manifesto en sentenzas xudiciais.

O deputado nacionalista Luís Bará pregunta ao goberno galego se comparte o criterio do Pontevedra CF a respecto da requisa de bandeiras galegas coa estrela vermella ou co escudo de Castelao e na advertencia de sancións ás persoas que exhiben estes símbolos. Para o BNG, estamos diante “dun ataque contra a liberdade de expresión, como se puxo de manifesto en sentenzas xudiciais”. O parlamentar lembra que noutros estadios galegos as e os seareiros poden acceder con esta simboloxía sen que iso supoña un problema.

 

“Nuns estadios permítese a exhibición destes símbolos e noutros prohíbese drasticamente. (...) No caso do Pontevedra existe unha prohibición expresa por parte da dirección do club”, denuncia Bará. Neste sentido, lembra, nas últimas tempadas tramitáronse cando menos dous expedientes sancionadores con multas de 300 e 500 euros, xunto coa prohibición de entrada ao estadio.

 

Invócase para a requisa e prohibición destes símbolos a Lei 19/2007 de 11 de xullo contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte. Concretamente faise referencia ao artigo 2, que cualifica como actos ou condutas violentas ou que incitan á violencia no deporte, entre outras, as seguintes: “A exhibición nos recintos deportivos, nas proximidades ou nos medios de transporte organizados para acudir aos mesmos de pancartas, símbolos, emblemas ou lendas que, polo seu contido ou polas circunstancias nas que se exhiban ou utilicen, dalgunha forma inciten, fomenten ou axuden á realización de comportamentos violentos ou terroristas, ou constitúan un acto de manifesto desprezo ás persoas participantes no espectáculo deportivo”.

 

Para Luís Bará, “de ningunha maneira se pode interpretar que a exhibición de bandeiras galegas estreladas incitan a violencia. Polo contrario, son actos lexítimos de expresión das ideas pacíficas e democráticas que se manifestan por medio deses símbolos”. 

 

Segundo Bará, “existen sentenzas xudiciais que conclúen que prohibir estreleiras nos estadios conculca a liberdade de expresión, polo que as autoridades deben evitar a inclusión da exhibición deste tipo de símbolos entre os actos ou condutas violentas ou que incitan á violencia no deporte”.