Repuntan levemente os contaxios, con 112 novos casos, pero baixa o total de enfermos e hospitalizados

Cribado entre a poboación máis nova con tests de antíxenos. (Foto: Xunta da Galiza).

O número de contaxios diarios por Covid repuntou lixeiramente nas últimas horas na Galiza, con 112 casos novos rexistrados (37 máis que na xornada anterior), aínda que seguen descendendo o número de pacientes coa infección hospitalizados (de 149 a 134) e o número total de persoas coa enfermidade (de 3.249 a 3.010).

Así se reflicte nos datos feitos públicos polo Sergas esta cuarta feira (que recollen información até as 18 horas do día anterior), nos que se mostra que os novos contaxios subiron en todas as áreas sanitarias, excepto na de Pontevedra.

Na área sanitaria da Coruña rexistráronse nas últimas 24 horas 32 novos casos (9 máis que na xornada anterior), na área de Vigo son 23 os contaxios novos (3 máis), na área de Lugo hai 20 persoas contaxiadas novas (10 máis), na área de Ourense rexistráronse 17 casos novos (9 máis), na área de Santiago son 15 novos contaxios (6 máis), na área de Ferrol hai 2 casos novos (na xornada anterior non se rexistrou ningún) e na área de Pontevedra notificáronse 3 novos contaxios (3 menos que un día antes).

Con respecto ao número total de persoas enfermas de Covid, notificouse que son 239 menos que a xornada anterior, situándose a cifra en 3.010 casos activos, e o número baixou en todas as zonas sanitarias.

Por áreas, o maior número de casos de Covid segue na área da Coruña, con 823 persoas coa enfermidade (56 menos), seguida da área de Lugo, con 572 casos (57 menos). Na área de Santiago hai 504 casos (56 menos), na área de Vigo son 464 os enfermos (16 menos), na área de Ourense hai 323 casos activos (28 menos), en Pontevedra hai 204 casos (10 menos) e na área de Ferrol hai 120 casos activos de Covid (16 menos).

Segundo Sanidade, a taxa de positividade das probas PCR (o número de infeccións detectadas cada 100 test) situouse nas últimas horas no 3,23%, por baixo do 5% que a OMS determina como limiar para dar por controlada a pandemia.

Presión hospitalaria

Con respecto á presión hospitalaria, en cifras globais reduciuse o número de pacientes ingresados, tanto en UCI como en unidades convencionais de hospitalización. Así, pasouse de 37 a 35 pacientes en coidados críticos, e de 112 a 99 enfermos ingresados en planta.

A área da Coruña ten o maior número de enfermos graves, 12 persoas; na área sanitaria de Vigo son 7 os pacientes en UCI, na área de Ourense segue habendo 6 persoas en UCI, na área de Pontevedra hai 3 (unha menos), na área de Lugo hai outros 3 enfermos de Covid en coidados críticos, na área de Santiago seguen 2 pacientes en UCI e na área de Ferrol hai outros 2 (un menos que hai un día).

Desde o inicio da pandemia faleceron coa enfermidade 2.610 persoas. Os últimos decesos comunicados por Sanidade son os de dous homes, ambos de 82 anos de idade, e que estaban ingresados no hospital Povisa de Vigo e no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, respectivamente.

Vacinación

Mentres, segue avanzando o proceso de vacinación e, segundo os datos publicados polo Sergas, nas últimas horas (nas que se seguiu vacinando nos campus universitarios) recibiron doses da vacina contra a Covid outras 21.166 persoas, das que 19.709 completaron a súa pauta de vacinación (dobre dose).

Administráronse un total 4.281.262 doses da vacina e xa hai 2.197.577 persoas coa pauta completa. Isto supón que está inmunizado o 89,5% da poboación albo (maiores de 12 anos) e o 81,4% da poboación total da Galiza.