Repuntan os contaxios nas residencias ao detectar até 59 positivos na DomusVi Monforte

Imaxe dunha persoa maior cun bastón. (Foto: Xunta da Galiza)
Cómpre lembrar que o municipio onde está situado ese centro de maiores é o único que permanecerá por enriba do nivel medio-baixo de restricións a partir da medianoite deste sábado. O Comité Clínico recomendou esta terza feira que permaneza no chanzo medio-alto de limitacións debido á situación epidemiolóxica.

A Consellaría de Política Social informou hoxe dun incremento nos casos de coronavirus nas residencias de maiores debido á subida dos contaxios detectados nun dos xeriátricos afectados.

En concreto, as persoas infectadas son 66, dado que o surto da DomusVi de Monforte creceu até as 59 usuarias e usuarios coa enfermidade. Nas últimas horas confirmáronse outros 26 casos até chegar a esa cifra global.

Dáse a circunstancia de que a evolución epidemiolóxica da Covid-19 en Monforte de Lemos fixo que a Consellaría de Sanidade e o Comité Clínico acordaran que a localidade permaneza polo menos unha semana no nivel medio-alto das prohibicións, debido aos riscos que conleva a presencia do virus en puntos como o xeriátrico.

Así se comunicou esta terza feira, despois de que o resto da Galiza pasara a compartir o nivel máis baixo das limitacións pola baixada dos contaxios e a menor presión hospitalaria. No concello entrarán en vigor as medidas acordadas onte a partir da medianoite deste sábado.

Outros centros

Á marxe das persoas maiores contaxiadas nesta vila, a Xunta informou de hai outras tres persoas afectadas na infraestrutura do Bolo, dúas na García Irmáns de Betanzos, unha na San Vitorio de Baralla e outra nas Gándaras, en Lugo.

Porén, Política Social destaca que tamén houbo altas de residentes que superaron a enfermidade. En concreto, 9 doentes que estaban na residencia e apartamentos de Baralla e outro do García Irmáns de Betanzos.

Mentres, os centros de atención a persoas con discapacidade seguen sen ter casos da Covid-19, tras recibir o alta o último usuario afectado a pasada semana.