Repunta nos contaxios rexistrados mentres a presión hospitalaria dá unha tregua

(Foto: Europa Press)

Baixa os ingresos nas UCI e en planta e redúcense os casos activos. Porén, as infeccións detectadas nas últimas 24 horas seguen por riba de mil.

 

Tregua na presión hospitalaria. Os vindeiros días dirán se é ou non o principio do descenso nos ingresos de pacientes con Covid-19 en planta e coidados intensivos. Hai hoxe nos hospitais galegos 67 persoas ingresadas menos como consecuencia do coronavirus, e nas UCI pasouse de 253 a 247. Unha cifra, porén, que se mantén moi por riba daqueles 177 ingresados en coidados intensivos que se acadou no ‘pico’ da primeira onda do virus.

Por áreas sanitarias, na da Coruña e Cee os hospitalizados con coronavirus en UCI baixan en oito até os 85 e os ingresados noutras unidades caen en 17 até os 306; mentres que na de Santiago e Barbanza redúcense en catro -até os 43- e en 16 -até os 125-, respectivamente. Tamén a área de Pontevedra e O Salnés experimenta unha redución destacada de pacientes con Covid hospitalizados ao pasar a 29 en UCI -un menos- e 117 noutras unidades -13 menos-; mentres que na de Vigo descenden a 24 -un menos- e 165 -sete menos-, respectivamente.

Na de Ourense os pacientes con Covid en UCI aumentan nun até os 14, pero os que permanecen noutras unidades descenden a 176 -oito menos-. Por contra, na de Ferrol soben en catro as persoas en UCI con este virus até as 27 e mantéñense en 166 as que están noutras unidades. Tamén no distrito sanitario de Lugo increméntanse os pacientes con Covid en UCI até o 25 -tres máis-, pero seguen sen cambios 70 noutras unidades de hospitalización.

Baixan tamén os casos activos: hai 82 menos e son en total agora 22.440. Unha cifra que supera en 1.200 os que había hai unha semana. Por áreas sanitarias, descenden nas Santiago e Barbanza (3.366); Ourense (2.815) e Lugo (2.093). Por contra, os casos activos aumentan nos distritos sanitarios da Coruña e Cee (5.889, tras sumar seis máis); Vigo (3.867, que suma seis máis); Pontevedra (2.578, despois de engadir 75) e Ferrol (1.832, con oito máis).

O que repunta son os contaxios detectados nesta última xornada: 1.141, de novo por riba da barreira dos mil, coma na terza feira, en que eran 1.001, aumentando a respecto de principios de semana, cando estaban por baixo dos mil.

Os 28 falecementos destas últimas horas poñen a cifra de mortos pola pandemia de coronavirus rexistrados polo Sergas en 1.843. Os datos de defuncións da primeira metade de 2020 ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística confirman unha suba da taxa de mortalidade na Galiza. O incremento é de dous puntos con respecto á mediana do primeiro semestre da última década, comprendida entre 2010 e 2019. A Covid deixou na Galiza 619 persoas falecidas durante a primeira vaga, unha cifra que no pico da terceira onda de contaxios xa se multiplica por tres.

A positividade das PCR é de 8,4% e a incidencia acum,ulada a 14 días,755 (onte era 764).