A repunta da Covid sitúa a taxa de positividade por riba de 5%, porcentaxe á que non se chegaba desde febreiro

Realización dunha proba PCR no concello de Abegondo. Europa Press

Os novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba na Galiza disparáronse a 154 a unhas horas de que se relaxe o uso da máscara no exterior. Son 34 máis que a xornada anterior. Tamén aumentan os casos activos, que se sitúan en 1.377. Ademais, os pacientes ingresados por este coronavirus soben a 46 -un máis-. Pola súa banda, a taxa de positividade repunta por encima do 5% por primeira vez desde mediados de febreiro.

Segundo os datos publicados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da quinta feira, aínda que descenden a 11 as persoas ingresadas pola Covid en UCI no conxunto da Galiza -unha menos-, aumentan a 35 as que se atopan noutras unidades de hospitalización -dúas máis-. E 1.331 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, destacan as de Ferrol e Santiago e Barbanza, onde aínda que contan con dous pacientes Covid e un, respectivamente, en UCI, xa non teñen persoas ingresadas por este coronavirus noutras unidades de hospitalización, mentres que na xornada anterior quedaban dúas e un.

A presión hospitalaria tamén descendeu na área de Vigo, onde segue un paciente Covid en críticos e descenden a catro os ingresados noutras unidades -dous menos-; mentres que a de Lugo mantense sen cambios, con un en UCI e dous noutras unidades.

Pola contra, a presión hospitalaria sobe nas outras tres áreas sanitarias. Así, na da Coruña e Cee, aínda que baixan a catro os ingresados en UCI pola Covid -dous menos-, ascenden a 19 os que permanecen noutras unidades -tres máis-.

Mentres, na de Pontevedra e O Salnés continúa un paciente Covid en UCI e aumentan a sete os doutras unidades -tres máis-; e na de Ourense segue un ingresado en críticos e aumentan a tres os doutras unidades -un máis-.

Máis casos activos

En canto aos casos activos de Covid ascenden por segunda xornada consecutiva a 1.377, que implican 72 máis que o día anterior, ao haber de novo máis contaxios (154) que altas (81), ao que se suma unha persoa falecida. No entanto, mantéñense en niveis de mediados de agosto do ano pasado.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas só descenden na área de Ferrol (-12) e aumentan no resto: Pontevedra e O Salnés (+24), Vigo (+19), Lugo (+18), Santiago e Barbanza (+13); A Coruña e Cee (+6) e Ourense (+4).

Deste xeito, con máis casos activos segue a área da Coruña e Cee, con 484; seguida da de Vigo, con 208; Lugo, 191; Pontevedra e O Salnés, con 152; Ourense, con 150; Santiago e Barbanza, con 125; e Ferrol mantense á cola como a única con menos dun centenar, con 67.

Os novos contaxios dispáranse

Pola súa banda, os novos contaxios da Covid-19 detectados con calquera tipo de proba repuntaron a 154 e superan por segunda xornada consecutiva o centenar, ao rexistrarse 34 máis que o día anterior -houbo 120-, tras iniciar a semana con 56, aumentar a 85 na terza e descender a 81 na cuarta.

En toda a Galiza foron confirmados 156 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, 41 máis que a xornada pasada, dos cales 38 corresponden á área de Pontevedra e O Salnés; 30, á de Vigo; 28, á de Lugo; 27, á da Coruña e Cee; 21, á de Santiago e Barbanza; nove, á de Ourense; e tres, á de Ferrol.

Desde o inicio desta crise sanitaria Galiza levou a cabo 2.344.145 PCR, 3.053 probas máis que as rexistradas até a xornada anterior e unhas 600 menos que as efectuadas o día pasado.

Pola súa banda, a taxa de positividade repuntou por encima do cinco por cento ao 5,49%, barreira que non se excedía desde o 15 de febreiro, tras situarse nun 2,7% a xornada anterior e iniciar a semana cun 1,8%. Por tanto, Galiza supera ese 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia a un día de que deixe de ser obrigatoria a máscara en exteriores.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia no conxunto de Galicia ascenden a 2.435 despois de notificar un novo óbito na quinta feira as autoridades sanitarias.