Concentracións silenciosas por todo o país en repulsa polo asasinato machista de Baiona

Concentración diante da Casa do Concello de Nigrán en repulsa polo crime machista de Baiona. (Foto: Concello de Nigrán)
Os investigadores tratan de localizar agora a arma coa que a ex parella da muller asasinada cometeu o crime.

A Galiza acolle nesta xornada concentracións silenciosas en repulsa polo crime machista de Baiona, entre elas a decorrida ante a Delegación de Goberno na Galiza con presenza, entre outros, do seu máximo responsábel, José Miñóns. Ao termo da mesma, o delegado do Goberno trasladou unha mensaxe de "agarimo e afecto" de toda a sociedade galega á familia e amizades da muller asasinada, Beatriz L.G.. "Unha dor que sufrimos todos", dixo.

Aliás, e tras "un ano e catro meses sen un asasinato [de violencia machista] na Galiza", incidiu na necesidade de seguir "alerta" e "envorcados" neste ámbito, alén de traballar entre "todos e todas" para abordar esta "secuela".

Non foi o único acto de condena. No Parlamento galego gardouse un minuto de silencio para mostrar o seu rexeitamento á violencia machista e en "repulsa polo crime". Baixo a presidencia de Miguel Santalices, todos os deputados do hemiciclo galego mantiveron este xesto ao comezo da sesión, á que acudiu o mandatario galego, Alfonso Rueda.

Minuto de silencio no Parlamento da Galiza.

Durante toda a mañá desta terza feira hai convocadas, ademais, concentracións silenciosas diante de concellos e institucións como o propio Parlamento ou a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, e que se suman á convocada esta segunda feira en Baiona.

Tras a arma do crime

Os investigadores tratan de localizar agora a arma coa que a ex parella da muller asasinada cometeu o crime, segundo informou Miñóns. Sobre o detido, indicou que, após presentarse voluntariamente na comisaría da Policía Nacional en Ourense, foi trasladado ao hospital porque tiña "certas feridas".

Posteriormente, fíxose cargo do caso a Garda Civil. O delegado do Goberno dixo que se espera que nas próximas horas pase a disposición xudicial e recalcou que se segue coa investigación para poder "aclarar máis do ocorrido". O crime produciuse sobre as 21 horas deste domingo, na casa onde residía a muller no Camiño do Rolán, no barrio de Percibilleira.

Segundo transcendeu, o home presentouse na vivenda a devolver os seus fillos e, diante deles, atacou a súa ex parella, á que propinou un forte golpe na cabeza, causándolle a morte. Fontes coñecedoras da investigación apuntan que a atacou cun arma tipo machete. De feito, axentes da Garda Civil estiveron esta segunda feira nas inmediacións do domicilio da vítima, buscando nos arredores da casa e mesmo no xardín dun veciño, por se aparecese a arma, aínda que sen resultados.