Loito polo asasinato machista en Baiona

A Corporación local de Baiona convocou hoxe perante o consistorio un minuto de silencio en repulsa do asasinato de Beatriz Lijó. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
O feminismo galego concentrarase o mércores 8 de febreiro nas localidades galegas.

Axentes da Policía Nacional detiveron onte en Ourense Ángel Rodríguez, a ex parella de Beatriz Lijó, que foi atopada morta con signos de violencia en Baiona (comarca de Vigo). O seu corpo apareceu o pasado domingo na entrada do seu domicilio cun forte traumatismo.

O home é sospeitoso do asasinato, que se investiga como un caso de violencia machista e que foi recoñecido como tal na tarde de hoxe pola Delegación do Goberno español na Galiza. 

Segundo confirmaron fontes da Garda Civil, o home presentouse hoxe pola mañá na comisaría da Policía Nacional de Ourense para entregarse, mais declinou facer declaracións a respecto do asasinato da súa ex parella. Foi identificado, detido e trasladado á comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

Foi arredor das 21.30 horas do domingo cando veciños e veciñas do número catro da rúa San Roque de Baiona, deron a voz de alarma polo achado do corpo dunha muller con signos de violencia na zona de acceso á vivenda. A Garda Civil iniciou entón as pescudas dun caso confirmado como de violencia de xénero e a procura da ex parella da muller asasinada.

Segundo relatou o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, os feitos sucederon, ao parecer, a última hora do domingo, cando o home acudiu ao domicilio para devolver os dous fillos menores, cos que pasara a fin de semana. Foi nese momento cando, presuntamente, cometeu o crime diante das crianzas. Posteriormente, o home levou os menores á casa dos seus avós paternos e deuse á fuga en dirección Ourense.

Condenación do crime

As reaccións das forzas políticas da Galiza diante deste crime non se fixeron agardar. Así, o presidente galego, Alfonso Rueda, expresou hoxe "moita dor" ao coñecer un novo caso de asasinato machista na Galiza. "Non hai suficientes palabras para condenar esta atrocidade que sofren as mulleres", afirmou Rueda a través dun comentario na súa conta da rede social Twitter. 

Asemade, a xefa da oposición e portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, manifestou “inmensa rabia e indignación ante un novo crime machista na Galiza. É necesario redobrar recursos, medios e prevención da violencia machista”. "É fundamental que traballemos na educación e na concienciación, porque é o camiño para construír unha sociedade sen machismo", incidiu Pontón.  

Ao tempo, o secretario xeral do PSdeG, Valentín Formoso, declarou “rabia e dor" que provoca "o asasinato dunha muller en Baiona". "Non se pode baixar a garda na loita contra a violencia machista nin transixir cos negacionistas desta lacra”, advertiu Formoso.

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, trasladou onte pola mañá a súa condena polo asasinato da muller. Sobre os feitos sinalou que a Policía Nacional tomará declaración ao detido e apelou a agardar a que a investigación continúe para aclarar máis. A primeira hora da tarde a Delegación do Goberno confirmou o rexistro do crime como un caso de violencia machista. 

Activación do protocolo de resposta a feminicidios

Veciñanza da muller asasinada en Baiona concentrouse no mediodía de onte, de maneira espontánea,e pola tarde, convocados pola Corporación, diante do Concello da localidade para expresar a súa repulsa polo asasinato.

Ademais, após confirmarse o crime machista, a Marcha Mundial das Mulleres puxo en marcha o protocolo galego en resposta aos feminicidios, convocando para mañá, 8 de febreiro, concentracións en numerosas localidades da Galiza en repulsa do que sería o primeiro asasinato machista rexistrado no que vai de ano. 

Agresións en Vigo

Un home é buscado pola policía como presunto autor da agresión que sufriu a súa parella en Vigo, a cal se atopa en "risco extremo" após sufrir cortes nos dedos cando ela trataba de defenderse do seu agresor.

Outro home foi detido na mesma cidade, na madrugada do domingo, por agredir fisicamente a súa parella. O detido asegurou aos funcionarios que, de saber que sería denunciado, "teríalle pegado mais forte"