Repulsa ao crime machista de Becerreá

Concentración na Coruña [Imaxe de arquivo / GzContrainfo]

O movemento feminista sae ás rúas mentres o BNG exixe "radicalizar a resposta" contra o terrorismo machista.

Após coñecerse máis un crime machista na Galiza, o primeiro de 2016, na localidade de Becerreá, o movemento feminista convocou concentracións nas principais cidades galegas.

Seguindo o protocolo que se vén desenvolvendo no país, dous días despois de se confirmar o asasinato machista de Ana Gómez Nieto, organizacións e colectivos feministas saen ás rúas para amosar a súa repulsa polo crime mais tamén, sinalan, "para denunciar a violencia machista instalada na nosa sociedade".

Será o sábado 13 de febreiro ás 20h en:

  • Diante do Marco (Vigo)
  • Diante da Castañeira, Subdelegación do Goberno español (Ourense)
  • Praza do Concello (Ferrol)
  • Obelisco (A Coruña)
  • Porta do Camiño (Compostela)
  • Praza do Concello (Lugo)
  • Diante da Audiencia Provincial (Pontevedra)
  • Praza Maior (O Carballiño)
  • Praza da Constitución (Vilalba)
  • Parque Ramallosa (Val Miñor)

Pola súa banda, o goberno galego convocou un minuto de silencio esta sexta feira (12 de febreiro) perante os edificios administrativos da Xunta de Galiza (San Caetano) ao igual que a corporación municipal de Lugo. 

Radicalizar a resposta

Destarte, desde o Bloque Nacionalista Galego (BNG) a responsábel de Acción Feminista, Noa Presas, exixiu através dun comunicado de imprensa no que amosaron a súa repulsa polo asasinato machista de Ana Gómez Nieto, que os poderes públicos "radicalicen a toma de medidas urxentes para avanzar na prevención" así como "aumenten o orzamento, persoal e recursos existentes".

O Bloque urxe ás administracións a adoptar "medidas urxentes para avanzar na prevención"

Así mesmo, Noa Presas asegurou que "é preciso modificar a Lei Integral para a Violencia de Xénero" através da incorporación do termo "feminicidio" ao tempo que desenvolver os traballos precisos para "o desenvolvemento do Estatuto de vítima de feminicidio" o que permitiría iniciar procesos de axuda sen necesidade de mediar unha denuncia xudicial.

Neste senso, o BNG lembra que a deputada Carme Adán presentou esta semana en sesión parlamentar unha batería de medidas contra a violencia machista, entre elas converter o denominado salario da liberdade nunha liña de axudas que estexa operativa todo o ano. Porén, foron rexeitadas polo Partido Popular.

Tamén o PSdeG amosou a súa repulsa através das redes sociais, ao igual que parlamentares de AGE como Eva Solla.