Becerreá: máis unha vítima mortal da violencia machista en Galiza

Mobilización contra a violencia machista

Unha muller, de 40 anos, asasinada polos disparos dunha escopeta de caza, presuntamente a mans da súa parella, detida pola Garda Civil.

Unha muller de 40 anos de idade foi asasinada sobre as seis da tarde desta quinta feira en Herbón, na parroquia de Tortes, no concello de Becerreá (Ancares), por disparos dunha escopeta de caza. Axentes da Garda Civil detiveron no lugar dos feitos a un varón de 29 anos, parella da muller, como presunto autor do asasinato. A muller tiña dous fillos dunha relación anterior. Un deles, de 16 anos, resultou ferido nunha man.

As cifras oficiais da violencia machista na Galiza ascenden formalmente a 8 casos na Galiza en 2015 após un xulgado de Ferrol ordenar o ingreso en prisión do marido de C.P., a muller asasinada o 29 de decembro en Narón. A xustiza recoñece así que se trata dun caso de "violencia de xénero" polo que se procedeu á detención do home. Após pasar a disposición xudicial decretouse o seu encarceramento.