A española Repsol e a danesa Orsted asinan un acordo co Porto da Coruña para desenvolver proxectos de eólica mariña na Galiza e Portugal

(Foto: Europa Press).
"Galiza está chamada a converterse nunha rexión chave para a eólica mariña e Orsted e Repsol están a dar xa pasos para construír as alianzas adecuadas que garantan que estamos listos para empezar a construír desde o día un", afirman os promotores.

Repsol e a compañía enerxética danesa Orsted asinaron un acordo coa Autoridade Portuaria da Coruña para impulsar o desenvolvemento de proxectos de eólica mariña na costa da Galiza e Portugal.

O convenio foi subscrito nun acto no que participaron o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, o xerente de mercado de eólica mariña en España e Portugal de Orsted, Marianne Hassl, e o responsábel de Desenvolvemento de eólica mariña en Repsol, José Partida.

O acordo entre as tres entidades contempla "o desenvolvemento, construción, operación e mantemento de futuros proxectos de eólica mariña flotante" a través do uso "temporal" de infraestruturas do porto exterior da Coruña durante as fases de montaxe e integración dos aeroxeradores, bases flotantes, subestacións, cableado, sistemas de amarre e "demais equipamento necesario para o desenvolvemento do proxecto".

"Galiza está chamada a converterse nunha rexión chave para a eólica mariña en España e Orsted e Repsol están a dar xa pasos para construír as alianzas adecuadas que garantan que estamos listos para empezar a construír desde o día un", sinalou Marianne Hassl.

Pola súa banda, o responsábel de éolica mariña de Repsol tamén destacou a potencialidade da Galiza para ser "un hub destacado" no desenvolvemento desta tencoloxía, polo que avogou por "aproveitar as oportunidades que ofrece esta fonte de enerxía", que a compañía española quere impulsar para alcanzar os 6.000 MW de capacidade instalada renovábel en 2025 e 20.000 MW en 2030.

Por último, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, afirmou que o acordo "é moi relevante para o desenvolvemento do Porto Exterior, dado que se trata de dúas compañías líderes no sector enerxético que se suman ao proxecto Green Port".