"A incidencia das tromboses coa AstraZeneca é moi baixa", di o centro colaborador da OMS na Galiza

Vacinas de AstraZeneca. (Foto: Goberno de Aragón)

Após a suspensión da campaña de vacinación co remedio contra a Covid-19 da farmacéutica, o coordinador do centro colaborador da OMS en seguridade das vacinas de Compostela, Federico Martinón, invita á poboación galega que recibiu o fármaco a manter a “tranquilidade”.

Nunha segunda xornada de moitas dúbidas debido ao paro na vacinación coa AstraZeneca en todo o Estado español e despois de que a Xunta seguira usando as doses este sábado a pesar de que a suspensión xa estaba vixente noutros territorios, o coordinador do centro que colabora coa OMS desde Compostela, Federico Martinón, pide “tranquilidade” a galegas e galegos.

O tamén xefe do Servizo de Pediatría da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza avisa ás persoas que recibiron o medicamento de que o efecto secundario das tromboses ten “unha incidencia moi baixa”.

De feito, no Estado de momento só se comunicou un caso, do que non se facilitaron máis datos. As autoridades sanitarias europeas seguen vixiando a evolución noutros países con máis doentes.

Aliás, o doutor destaca que é unha “suspensión provisional” en certa área, pero que iso non implica que as axencias reguladoras ratifiquen “que se pode continuar cunha vacinación normal” que está en curso quer en Australia, quer en Reino Unido.

Desde o seu punto de vista é “normal” que a situación provoque “preocupación e dúbidas na xente, sobre todo pola disparidade de criterios” das autoridades sanitarias estatais. Por iso, demanda da poboación galega calma para saber que novidades vai aportar a Axencia Europea do Medicamento, que mantén aberta a súa investigación.

No caso de que o medicamento fose retirado de todo, Martinón fai fincapé en que a segunda dose mesmo podería completarse “con algunha outra vacina dispoñíbel”. Outra opción sería reiniciar a inoculación con outra marca.

“As persoas que recibiron a vacina non deben ter ningunha medida especial”, recalcou, invitando a que ante unha dúbida de se alguén está a experimentar un evento tromboenbólico debe acudir ao centro hospitalario.

Mentres tanto xa hai algunhas pacientes que denuncian que lles comunicaron unha tardanza de, polo menos “dous meses e medio”, para recibir a segunda parte desta vacina.