É positivo para o alumnado repetir curso? Este informe desmente os "mitos" da repetición, que apón a unha "cuestión social"

Repetir curso ten, a longo prazo, efectos negativos para o alumnado, precisa 'Save the Children'. (Foto: Arxina)
A Galiza ten unha das taxas de repetición de curso escolar na ESO máis altas do Estado español e da Unión Europea. Porén, 'Save the Children' considera que son máis os prexuízos que os beneficios. Estas son as razóns.

A ONG Save the Children vén de emitir un informe no que evidencia que o Estado español é o que posúe unha maior taxa de repetición de curso escolar dentro da Unión Europea e a OCDE, cunha cifra moi elevada: 29% do alumnado repetira curso, cando menos unha vez, ao alcanzar os 15 anos de idade.

Deste modo, o Estado ten unha taxa até oito veces superior á de Finlandia e once en comparanza coa do Reino Unido, malia que a lexislación educativa é moi semellante.

E, no caso concreto da Galiza, no ano escolar previo á irrupción da Covid-19 —dado que coa pandemia houbo unha considerábel redución para non prexudicar as e os estudantes—, 2019-20, a taxa foi mesmo superior á media estatal na ESO no primeiro curso —9,4% fronte a 8,9%— e o terceiro —9,6% fronte a 8,8%—, mentres foi idéntica no cuarto —7,5%—.

Porén, o documento publicado por Save the Children pon en cuestión a chamada 'cultura da repetición'. "Non só un sistema educativo pode funcionar cun nivel residual de repetición de curso, senón que é o máis común nos países desenvolvidos, que recorren a outras estratetxias para xestionar as diferenzas de nivel entre o alumnado", explica a entidade.

Repetir, unha cuestión de clases?

Aliás, a ONG pon de manifesto os condicionantes sociais: "Ante dous estudantes con coñecementos, dificultades de aprendizaxe e niveis de motivación semellantes, o do nivel socioeconómico e cultural máis baixo ten case tres veces máis probabilidades de repetir que o de clase acomodada".

Na mesma liña, defende que un de cada tres repetidores ou repetidoras no Estado "alcanzaron o nivel básico de PISA en todas as materias e lograron as metas estabelecidas ao remate da escolarización obrigatoria".

Efecto "nulo" sobre a aprendizaxe

As investigacións das últimas dúas décadas sobre esta cuestión, precisan, "conclúen que a repetición ten un efecto nulo sobre a aprendizaxe e prexudica o alumnado de baixo nivel educativo e socioeconómico".

Neste senso, se ben a repetición pode ter "efectos positivos" nese ano, estes "disípanse" e mesmo poden "tornar negativos" ao avanzar a escolarización. "No longo prazo contribúe ao abandono", lamentan.

Mesmos contidos e da mesma forma

Aliás, cando un alumno ou alumna repite curso no Estado español, "os contidos son os mesmos, impartidos da mesma forma e sen medidas de acompañamento", polo que o único que supón a repetición, afirman, é "reducir significativamente a autoestima e o esforzo do estudantado".