Reocupar e rexuvenecer, a saída para o rural

Paradavella (A Fonsagrada)

Inmerso nunha crise endémica, o campo galego abafa por mor do despoboamento e unha poboación —a que fica—  cada vez máis avellentada, como reflicten os últimos dados tirados do IGE. Porén, novas iniciativas agroman á espera dun plano estratéxico de desenvolvemento endóxeno.

O rural galego abafa. Esa é a conclusión que se tira dos dados proporcionados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) nos que o despoboamento das faixas interiores do país --nomeadamente de Lugo e Ourense, o envellecemento poboacional e a migración marcan a tendenza dun medio rural en crise --económica e demográfica. 

Os baixos prezos da produción --quer leiteira, quer hortícola ou cárnica-- xunto cun elevado custo das materias primas e as dificultades para acceder á terra deixan un sector estratéxico para o país ao borde da desaparición. Entre 1999 e 2009 o número de explotacións gandeiras pasou de 270.053 a 81.174. 

Para Manuel Da Cal, coordenador xeral da Fruga, "a falta dun proxecto agrario propio" para Galiza é unha das principais causas da situación actual. "Non existe un proxecto que alicerce" o desenvolvemento dun rural vivo para que "aquelas persoas que queiran ou deban voltar" teñan un futuro e "unha vida digna", sinala. 

A dependencia dun modelo alleo

A entrada do Estado español na Comunidade europea (1986) deixou o rural e o sector agro-gandeiro (de)pendente "das decisións" adoptadas en institucións "afastadas da nosa realidade", continúa Da Cal, e deixaron @s produtor@s nunha clara "indefensión".

Aliás, o desenvolvemento dunha política agraria por parte da Xunta que nada ten a ver cos intereses e urxencias dun medio rural en perigo de extinción deixa un "panorama difícil de describir", mais que, a todas luces, reflicte a falta "de espectativas de mellora".

"Hai que deseñar un plano estratéxico de reocupación e rexuvenecemento fronte a crise demográfica"

"A día de hoxe só existe na Galiza un proxecto forestalista" que pula por (re)converter o noso agro cara ao sector madeireiro. "Unha liña de traballo tendente a forestar o país", aseguran desde a Fruga "baseada na plantación de eucalipto maioritariamente" e demais especies de ciclo curto.  

Asemade, a publicación do Plano sectorial de actividades extractivas que pretende aprobar a Xunta de Galiza deixa claro que as alternativas do goberno de Alberto Núñez Feijóo para o rural do país pasan pola instalación de proxectos mineiros --para lucro das transnacionais. 

Revitalizar o rural
Hai futuro? Hai alternativas?
 

Numerosos son os proxectos postos a andar nos últimos anos. Malia as dificultades iniciais, a crise económica e a falta de recursos e servizos públicos, moit@s son @s que deciden voltar ao rural e emprender iniciativas que, para alén de recuperar o medio e promover a actividade económica do país, visan novos modelos produtivos, alternativos, sustentábeis, solidarios e de proximidade. 

Malia as dificultades moit@s deciden volver ao rural e promover inciativas alternativas, sustentábeis, solidarias e de proximidade

"Hai que favorecer a mobilidade da terra", asegura Manuel Da Cal --unha das principais problemáticas para encetar proxectos agrogandeiros após o desmantelamento do BanteGal é o acceso a terreos agrarios úteis. Mais, tamén, acrecenta: "hai que deseñar un plano estratéxico de reocupación e rexuvenecemento" fronte a crise demográfica . 

Aliás, "urxe desenvolver un plano estratéxico para o sector cárnico, leiteiro, do viño..." que dea "viabilidade  a esa xente que quere ou ten que voltar", pois nos seus proxectos reside, o futuro.