"As circunstancias contra as que loitabamos no rural, seguen a ser as mesmas"

Luís Fernández Pérez é mestre no rural de Lugo desde hai 35 anos. Integrante do colectivo Estiño, traballa desde hai un terzo de século a prol dun outro modelo de ensino "centrado nas persoas". O abandono do rural e as sucesivas reformas "remataron con todo", di. "Xa non hai escolas", en troca, o que fica é "o desánimo e a apatía".

 

"Comecei como mestre nuns anos moi especiais", no curso 1978-1979, conta Luís Fernández. "Había unha explosión de ánimo e gañas por facer cousas", di, "todos pensabamos que iamos cambiar o mundo". Quen así fala é un mestre da montaña de Lugo. Integrante e fundador do colectivo Estiño leva máis de tres décadas traballando por un outro modelo de ensino nalgúnhas das zonas máis despoboadas do país. 

Mestre de escolas unitarias, agora é profesor nun instituto e imparte aulas no primeiro ciclo do Ensino Secundario Obrigatorio (ESO). En conversa telefónica con Sermos Galiza, Luís trasládanos as súas "impresións", "sensacións" e "emocións" arredor da súa traxectoria profesional. Declárase "pesimista" face a realidade actual na que "xa non hai escolas unitarias" e di ver "o asunto moi negro" cando fala da situación que actualmente vive o ensino público, nomeadamente nos espazos rurais. "As circunstancias contra as que loitabamos seguen sendo as mesmas", lamenta, "acabáronnos vencendo". 

O colectivo Estiño, unha resposta para as escolas rurais
"A miña primeira escola era en Paradela". A máis de 1.000 km de altitude "sen estrada" e con "catro ou cinco casas", conta, "estaba todo moi fodido". Sen profesorado unha parte do curso académico por mor da neve e a incomunicación, Luís Fernández lembra ter "levado ao lombo unha bombona de butano para quecer a aula" na que se agrupaban todas as crianzas da vila. Este é un dos exemplos de tantas escolas do país que noutrora ofrecían un servizo público a centos de nen@s esparexid@s pola montaña de Lugo. 

De entre o profesorado que impartía aulas nestas condicións xurdiu hai 25 anos o colectivo Estiño, do que Fernández tomou parte na súa fundación. O seu obxectivo era a posta en común de experiencias, o troco de ideas e a procura de alternativas a un modelo abocado á desaparición polo despoboamento rural. "Baseabámonos na experiencia catalá" tamén, acrecenta, "había algo semellante en Portugal". Editaban unha revista --que desapareceu-- e botaron a andar diversas iniciativas de entre as cales, unha, pervive. 

"Había nenos que non coñecían o mar", narra este mestre, "e decidimos que tiñamos que levalos" mais facía falla procurar financiamento. Así naceu o calendario Estiño, unha proposta que visaba "procurar cartos" a través da súa venda. Estaba elaborado a partir dos debuxos que as crianzas de diversas escolas unitarias facían arredor dunha mesma temática.

"O primeiro ano vendeuse moi ben" co tempo "pensabamos que ía desaparecer" e hoxe, máis de dúas décadas despois, todos os almanaques editados expóñense na Universidade de formación do profesorado en Lugo. Alí permanecerán nunha exposición permanente "que pode ser solicitada" e que rotará polo país adiante. 

A lembranza dos calendarios fáille a Luís Fernández lembrar a "imprenta de xelatina de cola de peixe" e máis o "papel hectográfico" co que comezaron a imprimilos, "unha vietnamita", recorda. Tamén, cando "hai 35 anos comezamos a falar de reciclar papel" e "a facer obradoiros nas escolas" mais agora, di, "entras en calquera centro e hai papel tirado por calquera lado". 

A desaparición das escolas unitarias
As cousas mudaron moito. "Xa non hai escolas unitarias", o despoboamento do rural, di, "acabou con todo" e agora fica "o desánimo" e "a apatía". Embora o colectivo Estiño continuar adiante co seu labor, grazas á incorporación "de xente nova", Luís Fernández recoñece ver "o asunto moi negro porque, dunha banda, son vello e logo rematará o meu tempo como profesor" mais doutra "porque as circunstancias contra as que loitabamos daquela seguen a ser as mesmas; acabáronnos vencendo". 

Os recortes no ensino público, as sucesivas reformas educativas, a desaparición da xente moza de boa parte dos núcleos rurais de montaña... deitan un panorama desolador para as comarcas interiores. "Se foramos capaces de crear ilusión", afirma, "os recortes poderían superarse" mais, sinala, "o abandono do rural é o verdadeiro problema". 

Un outro modelo centrado nas persoas 
Inquirido na conversa por como reverter a situación, este mestre é taxativo, "é moi difícil" mais non tanto "por unha cuestión de recursos económicos" --que tamén-- senón pola necesidade "de crear expectativas e ilusión para botar adiante proxectos" que fixen poboación nestes espazos. "Proxectos que dean para vivir ben, feliz coa familia e co entorno". Mais, na actualidade, explica, "educamos os nosos fillos nesa dinámica de gañar cartos para gastalos". 

En troca, o colectivo Estiño e este mestre traballan a prol dun outro modelo de ensino --e de vida. As súas escolas "estaban moi integradas no medio" e pulaban por un sistema no que "cada neno solicitase que tipo de formación quería ter", un modelo "centrado nas persoas e non na máquina", di. Unha escola, en definitiva, "máis ligada á realidade" do que o está agora coas políticas "do Partido Popular", denuncia, "que non se diferencian moito das dun partido da ultra-dereita". 

Mais Luís Fernández está certo de que para mudar a situación "é preciso xente" e "sen escola" tampouco diso hai pois, di, "contribúa a fixar poboación".