Renfe rexistrou no último ano oito partes de información de riscos de seguridade nesta liña ferroviaria galega
O operador ferroviario Renfe recolleu no último ano —de xaneiro do 2025 a xaneiro de 2026— oito partes de información de riscos de seguridade sobre a liña Ourense-Compostela por incidencias relacionadas coa infraestrutura ferroviaria. Así o indica o Goberno español nunha resposta a senadores do PP que preguntaron polo número de incidencias reportadas por maquinistas na devandita liña nese período.
O pasado 22 de xaneiro, despois do sinistro de Adamuz (Córdoba) e o de Rodalies en Gelida (Barcelona), e ante avisos de maquinistas por vibracións, Adif aplicou unha limitación temporal de velocidade a 200 quilómetros por hora en 28 quilómetros da liña Ourense-Compostela, xusto antes da curva da Grandeira, no barrio compostelán de Angrois, onde se produciu o accidente do Alvia de 2013 que deixou 80 mortes e 143 persoas feridas.
Esta circunstancia motivou que o grupo popular presentase unha serie de cuestións no Senado, ás que agora responde o Executivo estatal nun documento con data do pasado 13 de marzo, ao que tivo acceso a axencia Europa Press. Máis aló da mención a eses oito partes de información de riscos de seguridade por incidencias na liña, o Goberno de Pedro Sánchez fai unha exposición sobre que "actualmente se está a traballar na implementación da Lei 9/2025, do 3 de decembro, de Mobilidade Sostíbel".
"No referente ao sector do transporte, e en particular ao ferrocarril, esta lei promove, entre outros aspectos, a creación e regulación do Espazo de Datos Integrado de Movilidad (EDIM)", apunta, en referencia a esta "plataforma nacional que centraliza datos relativos aos modos de transporte e mobilidade" e que conterá "información relativa á oferta e a demanda dos diferentes modos de transporte e de mobilidade".
Entre outras cuestións, esta plataforma tamén recollerá información a respecto da situación financeira e dos custos de prestación dos servizos de todos os modos de transporte público, así como os investimentos en materia de infraestruturas de transporte.
"Identificar e xestionar" esas limitacións
Tamén destaca o Executivo que, "de forma engadida, defínese a aprobación dun plan de choque ferroviario, un plan de atención urxente aos pasaxeiros en caso de incidencias extraordinarias e un protocolo de análise de incidencias na rede ferroviaria que non sexan obxecto de investigación pola Autoridade Independente".
"Estes plans serán obxecto de exposición e debate xunto con todos os grupos parlamentarios", resalta, e destaca que "servirán de apoio para identificar e xestionar, entre outros puntos, as limitacións temporais na vía, e a análise de todas as incidencias en infraestruturas que provoquen máis de 20 minutos de atraso nun traxecto ferroviario".
Con estas medidas, un dos obxectivos a conseguir é "fortalecer os mecanismos de coordinación, cooperación e transparencia no deseño e xestión das políticas públicas de infraestruturas, transporte e mobilidade", conclúen desde o Goberno español.
