Renfe reduce a frecuencia de trens entre Galiza e Madrid até xullo

Estación de Chamartín. (Foto: Nós Diario)

O Estado segue sen dar data para a chegada dos Avril

O operador ferroviario Renfe anunciou que reducirá os horarios dispoñíbeis para viaxar entre a Galiza e Madrid. O ente público explicou este recorte da oferta polas obras que se están desenvolvendo na estación madrileña de Chamartín, porén, asegurou que manterá o número de prazas actuais. Este novo recorte dos servizos ferroviarios entre o país e a capital do Estado coñécese só unha semana despois de facerse público un novo atraso na chegada a Galiza dos trens Avril, de alta velocidade, que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel do Executivo español tiña anunciado para o próximo mes.

A empresa pública informou onte da reorganización dos servizos ferroviarios que conectan a Galiza coa capital do Estado. Neste sentido, sinalou que "a nova estrutura dos servizos na Galiza traerá consigo modificacións horarias, aínda que o número de prazas que Renfe pon ao dispor dos viaxeiros manterase para facilitar a súa mobilidade”. A este respecto, Renfe asegurou que manterá o número de prazas mediante “o emprego de trens en dobre composición, que transportan o dobre de usuarios”, aínda que con menos horarios dispoñíbeis.

Renfe defendeu a importancia das actuacións que se están a executar na estación madrileña para as conexións ferroviarias no conxunto do Estado. Neste punto, indicou que “as obras de mellora de Adif para ampliar e transformar a estación de Chamartín traerán consigo unha reorganización do servizo, ao afectar directamente a varias vías da estación madrileña, co consecuente axuste da capacidade operativa da terminal". Na mesma dirección, puxo de manifesto que a redución da oferta de trens entre a Galiza e a capital do Estado continuará até o remate das obras previsto para o mes de xullo.

Os atrasos do Avril

A compañía de titularidade estatal tentou xustificar esta decisión expondo que “este cambio de servizo pretendía realizarse xa cos novos trens Avril en circulación, o que traería consigo un aumento do número de prazas, xa que estes convois dispoñen de capacidade para 500 viaxeiros, mentres que os Alvia actuais transportan de media a 300 persoas”.

Porén, a empresa pública continúa sen achegar datas para a entrada en funcionamento dos novos trens Avril, limitándose a incidir no sinalado no seu comunicado do 29 de febreiro, onde aseguraba, que “non é posíbel fixar unha data definitiva de inicio do servizo, á espera de que Talgo confirme a boa marcha de todas as probas de fiabilidade e os calendarios de entrega".