Renfe non recuperará todas as frecuencias até mediados do ano que vén

Interior da estación de ferrocarril da Coruña con varios trens agardando a súa saída (Nós Diario)

Renfe referendou co sindicato de maquinistas unha folla de ruta para a recuperación de todos os servizos previos á pandemia, un calendario que non prevé culminar antes de mediados do próximo ano.

O presidente da empresa pública, Isaías Táboas, explicou en declaracións á Canle 24 horas que Renfe xa estaba a recuperar as frecuencias de forma progresiva, segundo se ían levantando as restricións e crecía a demanda por viaxar.

Porén, na Galiza perdéronse, e aínda non recuperou, o 45% da circulación de trens de media distancia, sobre todo no interior da Galiza. No eixo atlántico, falta por recuperar o 25% dos servizos, segundo estima a Confederación Xeral do Traballo (CXT).

Desde o inicio da folga convocada polo sindicato de maquinistas Semaf, que reclamaba a recuperación do servizo, do emprego e a integridade da compañía, Renfe incidiu en varias ocasións en que as dúas primeiras reivindicacións xa se estaban cumprindo.

Aínda así, o sindicato pon de manifesto que a oferta de Renfe no ámbito do corredor Vigo-Santiago-A Coruña non é suficiente nas sextas feiras e nos domingos.

Trátase dunha mensaxe que tamén salientou a propia ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, departamento do que depende Renfe, cando anunciou na quinta feira a desconvocatoria de folga.

"O acordo referenda medidas que Renfe xa tiña en marcha, como a recuperación de servizos e a incorporación de novos maquinistas", dixo.

Respecto ao terceiro asunto, a integridade da compañía, Táboas explicou que Renfe non pode facer nada, xa que se trata dun tema político que prevé a transferencia de certas partidas de Renfe en Catalunya á Generalitat. En calquera caso, deixou clara a súa postura: "Apostamos pola integridade da compañía". Ademais, a ministra comprometeuse co sindicato para comunicarlle calquera cambio que se produza respecto a estas transferencias.

Táboas insistiu unha vez máis en que "non había motivos para facer folga", xa que calquera atraso na posta en servizo de novos trens viña motivado polo “impacto da pandemia na formación de maquinistas”, un proceso “que leva o seu tempo e non se pode adiantar”.

Unha vez desconvocada a folga, tanto empresa como sindicato aseguraron que os servizos se prestarán con total normalidade durante toda a ponte do 12 de outubro, tal e como estaban programados.